A Editorial Galaxia convoca a sexta edición do Premio Literario Illa Nova de Narrativa 2022 para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación. En 1957 a Editorial Galaxia botou a andar a colección Illa Nova, coa que pretendían dar continuidade ao proxecto da editora a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”. Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, en 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa, que este ano acada a súa sexta edición.
Este premio concederase de acordo coas seguintes BASES:
1º Poderán optar ao premio as persoas menores de 35 anos na data de finalización do prazo de admisión de orixinais, de calquera nacionalidade ou procedencia, sempre que as obras se presenten en lingua galega, conforme á normativa vixente, sexan orixinais, rigorosamente inéditas e non fosen premiadas en ningún outro certame, nin en parte nin na súa totalidade.
2º Poderán concorrer novelas ou un conxunto de relatos cunha extensión mínima de 80 páxinas, tamaño DIN A4, mecanografadas en Times New Roman 12 a dobre espazo. Deberán enviarse seis copias impresas, encadernadas ou cosidas, ao enderezo:
Premio Illa Nova de Narrativa,
Travesía de Vigo, 71, soto,
36206 – Vigo.
O prazo de admisión de orixinais pecharase o 14 de febreiro de 2022.
3º Os orixinais irán asinados cun pseudónimo e un lema, que aparecerán tamén no exterior dun sobre que debe conter no interior os seguintes datos: nome, apelidos, enderezo, fotocopia do DNI e teléfono de contacto.
4º O xurado estará composto por lectores/as e persoas do mundo cultural e literario galego. Sempre que sexa posible, serán un total de cinco membros e un secretario ou secretaria en representación da Editorial Galaxia con voz, pero sen voto.
5º O premio outorgarase á obra que por unanimidade ou, no seu defecto, por maioría de votos, sexa considerada merecedora da distinción. O xurado pode declarar deserto o premio.
6º A decisión do xurado será inapelable e farase pública nun acto en Vigo, sempre que as condicións sanitarias o permitan, que se celebrará na primavera de 2022, reservando a entidade organizadora o dereito a modificar esta data ou lugar se así o considera.
7º Entregarase un único premio, indivisible, de 3,000 euros (suxeitos ás retencións fiscais correspondentes). O autor ou a autora recibirá, ademais, unha escultura simbólica conmemorativa do Premio Illa Nova de Narrativa. A cantidade recibida computará en concepto de adianto de dereitos de autoría.
8º A obra premiada será editada e comercializada pola EDITORIAL GALAXIA na súa colección Literaria.
9º Os orixinais non premiados serán destruídos se despois de 1 mes da decisión non son retirados.
10º A Editorial Galaxia reserva, durante o prazo de 1 mes a partir do día en que se faga pública a decisión, un dereito de adquisición preferente da edición de calquera obra presentada ao premio que, sen alcanzar o galardón, sexa considerada de interese, previa subscrición do oportuno acordo entre as partes.
11º A participación neste premio implica a plena e total aceptación destas bases.