Presentación de “Baixo as alas de abril”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O xoves 14 de outubro, celebrarase, ás 19:30 h, a presentación de Baixo as alas de abril, de Xoaquín Fernández Leiceaga, na libraría Couceiro, en Santiago de Compostela.
Acompañando o autor, asistirá o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e Dolores Vilavedra en representación da Editorial Galaxia.
Esta é unha novela de intriga policial coa que Fernández Leiceaga indaga nas raíces da sociedade actual. Amor, violencia, nación. As ilusións perdidas acaban por dar forma á realidade.
O libro sitúa ás lectoras e lectores en febreiro de 1989, momento no que, tras un atentado contra un cuartel da Garda Civil, o comisario Miguel Santos, coñecido por afastarse dos métodos empregados pola anterior policía franquista, ocúpase da investigación. A detención do grupo independentista autor do feito é obxectivo prioritario do goberno español. Ás implicacións políticas para a democracia axiña se han engadir as consecuencias na vida dos militantes do grupo armado e dos seus achegados. Mariló rexenta o bar familiar e ten o seu irmán agonizando no hospital, onde unha visita do comisario Santos, que acaba de ser pai, vai desdebuxar os límites do convencionalmente esperable.
Un libro imprescindible para pensar o presente e o futuro.

Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) é autor da novela Agosto de memoria e morte (2015). En 2020, publicou o ensaio O país do porvir (Editorial Galaxia)

Comparte nas túas redes sociais ou por email