Cada 8 de outubro celébrase o Día da Ciencia en Galicia, unha data que lembra a importancia de resaltar o labor de todas e todos os profesionais deste eido. O seu principal obxectivo é o de salientar a difusión do coñecemento científico no idioma galego e poñer en voga as achegas dos galegos á ciencia universal.
Unha efeméride da que Galaxia séntese cómplice, pois son moitos os títulos que enchen a nosa biblioteca de ciencia e sabedoría. A colección Lanterna de Aristóteles, que naceu co fin de espallar a divulgación científica, é proba disto. Pensada para lectores e lectoras con mentes inquietas e gran curiosidade, de idades comprendidas entre os 10 e os 99 anos.
Libros coma Puf! Vaia peido… Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes de Luisa Martínez Lorenzo, forman esta prezada colección. Un libro ideal, mencionado na reputada lista de Honra OEPLI 2018, para que os máis pequenos da casa indaguen no porqué dos nomes das cousas. Esta obra achéganos a diferentes criaturas do mundo animal e vexetal que teñen en común ter nomes divertidos e que buscan unha certa complicidade co lector.
Ilustrado por Nuria Díaz, publicamos A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández, un álbum ilustrado fascinante que vén de gañar prestixiosos recoñecementos como o Premio Gala do Libro ao mellor libro de Divulgación Científica 2020, Premio da V Gala do Libro Galego Virtual 2020, ou a mención na reputada lista de Honra OEPLI 2020.
Esta é unha obra recomendada para todas as idades onde, o neurocientífico Casto Rivadulla explica, dun xeito divertido e sinxelo, o funcionamento do cerebro.
Recentemente publicamos Viches iso? Un singular percorrido pola vida das aves invisibles, de José Arcas. Un título singular, moi intuitivo e ameno que axuda a comprender o mundo que existe ao noso carón. Unha chamada de atención a erguer a cabeza, facendo un percorrido pola vida desas aves que, para nós, son “invisibles”.
José Arcas sintetiza o resultado de máis de trinta anos de traballo, observando, estudando e debuxando aves, nesta obra. A través dun estilo moi próximo, acompañado de ilustracións fabulosas do propio autor, as lectoras e lectores poderán ampliar os seus coñecementos sobre estes curiosos animais, adentrándose nestas páxinas, cheas de cor e coñecemento.
Pertencente á colección Feminismos, Xoana Pintos, recorre, en Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Primeiras científicas na Universidade de Santiago, o camiño que amosa a entrada das mulleres na universidade, un feito que cambiou a vida de todas as que viñeron detrás.
Lonxe está aínda de ser unha realidade en todo o mundo, pero ninguén se atrevería hoxe a cuestionar a igualdade intelectual das mulleres e o seu dereito á educación. Tempo atrás, a situación era moi diferente, e chegar a onde nos atopamos requiriu moitos esforzos e moito tempo. A autora céntrase, moi en especial, nas mulleres científicas, no seu traballo cheo de dificultades, mais tamén de éxitos innegables.
Un texto que nos fai ver que, sen o labor desas pioneiras, a realidade, a delas, a de todos, sería aínda moito peor.
Hoxe celebramos o mundo o científico e toda a sabedoría e luz que espalla nas nosas vidas.