Presentación de “Vermellos e laicos”, en Allariz

Categoría: Nova

O venres 8 de outubro, celebrarase, ás 19:30 h, a presentación de Vermellos e laicos, de Narciso de Gabriel, na Fundación Vicente Risco, en Allariz.
Acompañando o autor, estarán o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, e Antón Vidal Andión, presidente da Editorial Galaxia.
Vermellos e laicos inaugura a colección Memoria Histórica de Editorial Galaxia. Unha proposta que quere botar luz onde moitos só queren ver escuridade. Baixo esta serie publicaranse títulos que afondarán naqueles feitos que quedaron cubertos co manto da ditadura, tras décadas de silencio e falta de rigor ou xustiza histórica.
O autor ofrécenos, nesta obra, un estudo moi rigoroso no que amosa a realidade dunha época. Nese momento, a defensa do laicismo foi unha das apostas máis rupturistas e arriscadas dos republicanos. A Constitución de 1931 estableceu que o Estado carecía de relixión oficial, polo que os dogmas do catolicismo deixaron de se ensinar nas escolas, das que tamén desapareceu a simboloxía relixiosa. A partir de entón, no sistema educativo só habería espazo para a educación moral, que debía inspirarse no cultivo da tolerancia. O enfrontamento coa Igrexa, afeita a gozar de monopolios e prebendas sen taxa, resultaba ineludible, e, por “vermellos e laicos”, foron castigados unha boa parte dos mestres e mestras, como demostra este libro, onde se analizan os cargos que se lles apuxeron. Unha represión que ía desde o asasinato á sanción administrativa máis ou menos contundente, e que tamén afectou a moitos outros grupos sociais e profesionais, dado que tivo un carácter masivo.
Narciso de Gabriel pon datos e sucesos sobre o papel para facer xustiza e render homenaxe e todos os que caeron por “vermellos e laicos”, con penas que foron desde a sanción administrativa ao asasinato. Fontes como documentación administrativa dos arquivos coruñeses, prensa da época, consellos de guerra ou expedientes de responsabilidades políticas abertos a membros do grupo galeguista de Ferrol (ARG) – entre os que se atopaban profesores como Ricardo Carvalho Calero ou Gonzalo Torrente Ballester – dan forma ás moitas experiencias persoais dos represaliados neste proceso de depuración.
Un libro imprescindible que supón un berro a prol da xustiza.
A obra, que contou coa colaboración do Concello de A Coruña, engádese á traxectoria investigadora de Narciso de Gabriel, catedrático de Historia da Educación na Universidade da Coruña. Entre os seus últimos libros destacan Elisa e Marcela. Amigas e amantes (2019) ou Xosé María Álvarez Blázquez, mestre republicano. Diario escolar e desterro (2019), publicado tamén en Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email