A liña regular Moaña-Vigo-Moaña homenaxeará a Domingo Villar este sábado no “Último barco”.
A homenaxe celebrarase o vindeiro sábado 28 de maio, no barco de liña regular a Moaña, que sae de Vigo, ás 21:30 h, e no seu regreso dende Moaña, ás 22 h.
Quen o desexen terán a oportunidade de achegarse ata o barco, e ler un fragmento, un parágrafo ou unha páxina, dalgunha das obras de Domingo Villar, no último barco da navieira Piratas de Nabia.
“Ás once en punto, o Pirata de Onssoltou amarras en Moaña e avanzou au ralentí entre as bateas. Leo Caldas ía na cuberta superior, detrás da ponte de mando, mentres que o resto da pasaxe facía o traxecto na cabina, a resgardo do frío.”
Así comeza o derradeiro capítulo do libro O último barco (Editorial Galaxia, 2019), onde o mar e o barco son personaxes fundamentais na trama desta novela, que é unha declaración de amor á cidade olívica.
A desaparición de Domingo Villar, por repentina e inesperada, tan novo, deixa horfos das aventuras de Leo Caldas a milleiros de lectores. Momentos terriblemente dolorosos para familiares e amigos.
Nesta obra, publicada en 2019, Domingo creou unha trama que atrapa as lectoras e lectores dende a primeira páxina, como nos libros A praia dos afogados e Ollos de auga, ondedesenvolve os argumentos no seu escenario vital, desde as praias e a Lonxa de Panxón a Monteferro, a Taberna do Eligio, a Escola de Artes e Oficios, a liña do vapor Moaña-Vigo e a parroquia de Tirán, en Moaña.
Editorial Galaxia, casa editora de Domingo Villar en Galicia, publicou no seu catálogo as tres novelas protagonizadas por Leo Caldas, traducida a linguas como o alemán, o italiano e o sueco, e a súa última novidade Algúns contos completos, ilustrado cos linogravados de Carlos Baonza.