Presentación de “Non é de Taramundi”, na Pontenova

Categoría: Nova

O venres 27 de maio, celebrarase, ás 19 h, na Casa da Cultura da Pontenova, a presentación de Non é de Taramundi, de Luís M. García Mañá.
Acompañando o autor, estarán Víctor F. Freixanes, Presidente da Real Academia Galega, e Darío Campos, alcalde do Concello da Pontenova, Cesar Villabrille Quintana, alcalde do Concello de Taramundi.
Publicada na colección Literaria, Non é de Taramundi, amosa unha España que remata o “racionamento” e consegue entrar na ONU. García Mañá contextualiza a historia nos anos cincuenta, que representan para Galicia e comarcas limítrofes novos avances para a mellora da situación económica.
A existencia do ferrocarril de vía estreita de Vilaoudriz a Ribadeo vai dirixíndose cara á súa fin, o mesmo que certos modos de vida. Constrúense novas estradas en substitución de vellos camiños polos que circulan vehículos de motor xunto aos de tracción animal. Algunhas mulleres reivindican un papel de igualdade cos homes nunha sociedade máis plural. Pero o Réxime resístese a ceder.

Luís Manuel García Mañá (Ourense, 1950). Licenciado en Dereito, foi comisario xefe de Policía en Madrid, Vigo e Ourense, xefe superior de Policía de Galicia e senador por Ourense. É académico correspondente da Real Academia Galega, membro do Instituto de Estudios Vigueses, do Padroado da Fundación Otero Pedrayo e da Asociación de Amigos do Couto Mixto. Entre os seus traballos ensaísticos detacan: De los corregidores a los gobernadores civiles de Ourense (1986), La frontera hispano-lusa en la provincia de Ourense (1988), As primeiras boticas de Vigo e a arte do oficio (1998), Couto Mixto, unha república esquecida (2005). Como narrador publicou as novelas: As plumas do moucho (1999); O lume de Santo Antón (1997), Menino morreu (2003), O grito do Ipiranga (2010), Por que as sombras non teñen ollos (2015) e Non fales o que non debes (2020).

Comparte nas túas redes sociais ou por email