Galaxia estará na Feira do Libro do Porriño

Categoría: Nova

Os autores Diego Giráldez, Marcos Calveiro, Juan Parcero, Pablo Vázquez, Denis Carballás e Rodrigo Costoya, estarán asinando as súas obras.
Chega o bo tempo e con el as agardadas feiras dos libros. Eventos culturais, cheos de maxia e novas oportunidades de descubrir lecturas de todo tipo.  É o caso da Feira do Libro do Porriño, que se celebrará dende o xoves 26 ata o domingo 29 de maio, na Rúa Ramón González, en horario de 11:00 a 14:00 h e 17:00 h a 21:00 h.
Este é un evento que acolle fermosas novidades como A soidade selénica, de Juan Parcero, que estará asinando o xoves 26 de maio, ás 19 h, na caseta da libraría Pedreira.
Esta obra é a encargada de inaugurar colección Ficción Científica de Editorial Galaxia. A través da súa escrita, Parcero sitúa ás lectoras e lectores nun futuro oceánico e nuclear, no que a única saída para a humanidade será a vida fora da Terra.
Estará preparado o ser humano para ese salto? Loia e os xemelgos terán que demostralo na Lúa, superando os medos de toda unha especia e unha enimiga coñecida: a soidade.
Se queredes descubrir a que soa Vigo, non vos perdades a sinatura arredor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século, de Pablo Vázquez, ilustrado por Denis Carballás, o xoves 26, ás 20 h, na caseta da libraría Pedreira.
Dunha maneira visualmente atractiva, amena e accesible a todo tipo de públicos, os autores, achegan ás lectoras e lectores, á movida viguesa. Dende o rock ao trap, pasando polo folk, reggae e jazz, nas súas páxinas altérnanse textos, debuxos e material gráfico sobre case cincuenta artistas locais que representan a súa ampla e variada escena musical.
Na caseta da libraría Recondo, o venres 27, ás 18 h, Marcos Calveiro estará asinando Curros & Holmes no misterio d’o Kapital.
Neste título, Calveiro introduce ás lectoras e lectores ao derradeiro terzo do século XIX, no momento en que Karl Marx escribe, na biblioteca do British Museum, a segunda parte da súa obra máis destacada, O Kapital, cando lle rouban parte do manuscrito.
A través de grandes aventuras, ateigadas de emoción e misterio, Sherlock Holmes e o poeta Curros Enríquez, empregarán todas as súas habilidades para resolver este misterio.
Ás 19 h, celebrarase unha conversa con Diego Giráldez , arredor de  O meu sangue.
Escrita cun marcado estilo persoal, “O meu sangue” mergullará ás lectoras e lectores nunha intriga que arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.
Rodrigo Costoya, presentará, ás 20 h, Misarela.
Unha historia para estender a luz sobre as tebras.
Cambiar o mundo para sempre.
Porque alí onde queimen libros, rematarán por queimar persoas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email