Presentación de “Casa de feras”, no Porriño

Categoría: Blog, Nova

O luns 30 de maio, celebrarase, ás 20 h, no Auditorio da Biblioteca Municipal do Porriño, a presentación de Casa de feras, Premio Vidal Bolaño 2021, de Edgar Costas.
Acompañando o autor, estará Raquel Castro, escritora e secretaria do premio, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Casa de feras, IV Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolañode Edgar Costas, é unha fábula actual onde se abordan temas como o maltrato animal, as relacións de poder e a liberdade. Animais engaiolados entre reixas de ferro e humanos engaiolados en prexuízos férreos, todos buscan unha liberdade pola que hai que pagar un alto prezo.
O autor achega, mediante o uso dun humor cargado de ironía, a terríbel situación protagonizada polos animais que entre 1774 e 1972 habitaron, no parque do Retiro de Madrid, un zoolóxico de aceiro e formigón.

Trátase, tamén, dunha homenaxe aos animais que no seu día habitaron estas dependencias, como a protagonista, a elefanta Pizarro, que no século XIX, chegada dun circo, dominou coa súa presenza este lugar.

Edgar Costas (Vigo, 1981) é actor e director. Despóis de vinte anos dándose a coñecer en produccións tanto teatrais como audiovisuais (Apaches, Acacias 38, Eloxio da loucura e Inestables, entre outras), publica agora a súa primeira obra longa logo de estrear as súas pezas de pequeno formato nalgunhas das salas de teatro independente máis coñecidas de Madrid. @edgarcsts
Foto do autor: @bookserranosierra

Comparte nas túas redes sociais ou por email