Presentáronse as memorias de Antía Cal, recentemente publicadas en Galaxia co título de Este camiño que fixemos xuntos. A protagonista deste libro, e desta homenaxe, é unha muller que dedicou os seus esforzos á educación a ao ensino. Antía Cal Vázquez foi unha das introdutoras en Galicia das novas tendencias pedagóxicas durante a dictadura franquista. Tempos difíciles nos que fundou o Colexio Rosalía de Castro en Vigo, foco de irradiación progresista naquela época.
Antía Cal comparte cos lectores o seu testemuño de muller do século XX, progresista, innovadora, dedicada á educación e participante activa na sociedade e na cultura doseu tempo. Este camiño que fixemos xuntos é o relato dunha muller galega que, desde as súas orixes na Galicia rural e na emigración ao seu acceso ao mundo do ensino en pleno franquismo, narra, cun punto de vista lúcido que nunca esquece os aspectos máis humanos, a súa experiencia como pedagoga preocupada por implantar en Galicia as ideas máis innovadoras.
Os soños, proxectos compartidos, a crónica da amizade, os momentos difíciles e os máis duros forman un tecido de afectos e inquedanzas no que a familia, a emigración, a aldea e a guerra civil, o mundo do ensino, as relacións con xente doutros países, a ciencia e a pedagoxía, o galeguismo e a política, o matrimonio e os fillos son centros de interese nos que irradia a personalidade e o traballo de Antía Cal nun relato ameno, unha lograda combinación de guión cinematográfico e narración oral.