Tres mostras didácticas e transportables que percorrerán durante os próximos meses os concellos de As Pontes, Lousame, Cambre, Teo, Camariñas, San Sadurniño, Rois, Padrón, Coirós, Zas, Carnota, etc, toda a provincia da Coruña, nunha iniciativa da Deputación Provincial (departamento de Cultura) que realizou a empresa Merlín Comunicación, do grupo Editorial Galaxia. Na AXENDA da nosa Web o visitante pode informarse dos días, localidades e calendario do percorrido provincial destas destas mostras.
Pilar Sampedro, Xosé Antonio Neira Cruz e Gustavo Garrido encargáronse de asesorar ou desenvolver os contidos, materializados en paneis transportables polo equipo Desoños e coa participación de Paco Vila Barros na produción dos elementos audiovisuais.
A primeira das exposición itinerantes contempla a historia da literatura infantil en lingua galega dende os seus principios (1897) ata os nosos días, centrándose tanto nos trextos como na imaxe dos libros e nos ilustradores.
A segunda, titulada "Como se fai un libro", céntrase no proceso de creación e fabricación deste marabilloso invento da comunicación e o coñecemento: dende o papel como soporte (ou as antigas formas en papiro e pergamino) ata os procesos dixitais e electrónicos, pasando polas características de todos os procesos editoriais: creación, selección de orixinais, edición, maquetación, ilustración, promoción, comercialización, etc.
A terceira exposición introduce aos visitantes no mundo dos números, na súa historia e na súa significación (tanto científica como simbólica) cun apoio interactivo no que se pode acceder a maior información.
Trátase dunha nova iniciativa, promovida pola Deputación Provincial da Coruña, na que Merlín Comunicación, empresa recentemente creada no Grupo Editorial Galaxia, reafirma o seu desenvolvemento: creación de novos materiais para a información e o coñecemento, alén do libro e os produtos impresos.