Fernando Castro Paredes gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Anos con “O lanzador de coitelos”

Categoría: Nova

A obra, un thriller literario de gran calidade, explora a identidade e a memoria nunha sociedade opresiva.

No Día do Libro, mércores 23 de abril, celebrouse, ás 11 h, na sede de Editorial Galaxia, unha rolda de prensa na que se deu a coñecer o fallo do Premio Galaxia de Novela 75 Anos, o galardón literario de maior dotación económica en Galicia.

O xurado, presidido pola catedrática e conselleira da editorial, Dolores Vilavedra Fernández e composto por Marcos Calveiro, como secretario; Ramón Nicolás Rodríguez, escritor, profesor e crítico literario; Tensi Gesteira Estévez, xornalista e crítica literaria; e Inma Otero Varela, escritora, profesora e crítica literaria; decidiu por maioría outorgar o premio á obra O lanzador de coitelos, da autoría de Fernando Castro Paredes.

A novela, segundo destacou o xurado, sobresae pola súa elevadísima calidade literaria e pola forma brillante na que está escrita, atrapando o lector nunha atmosfera desacougante. Enmarcada no xénero do thriller, O lanzador de coitelos aborda cuestións complexas, como a memoria (individual e colectiva), a liberdade, a identidade e o control social levado ata extremos humillantes. O texto articúlase como un xogo metaliterario e de máscaras, no que se reivindica tamén a relación entre a arte e o fracaso.

De esquerda a dereita: Inma Otero, Marcos Calveiro, Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás e Tensi Gesteira.

Por outra banda, o xurado quixo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.

Na rolda de prensa participaron Dolores Vilavedra, presidenta do xurado; Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia; Marcos Calveiro, director de Edicións; e o gañador, Fernando Castro Paredes.

 

Fernando Castro Paredes sinalou que en ningún momento pensou que este texto puidese ter un recoñecemento desta embergadura, o que tildou como un premio histórico, poñendo en valor o orgullo inmenso que sente por poder recibir este galardón.

Dolores Vilavedra destacou durante a súa intervención que o xurado seleccionado representa un abano interxeracional diverso, no que houbo moito intercambio de puntos de vista; facéndose presente a voz das novas xeracións, e tamén unha diversidade e pluralidade de criterio. 


Xosé M. Soutullo fixo fincapé en que o premio será presentado no Hotel Compostela, en Santiago, porque alí foi cando o 25 de xullo de 1950, tivo lugar a asamblea de constitución de Galaxia.

Marcos Calveiro puxo en valor a alta calidade literaria da obra.

 

Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) é profesor de Ensino Secundario. Desenvolve unha ampla actividade no eido do teatro escolar e afeccionado como coordinador da agrupación Tuéjele Teatro do IES Fernando Blanco de Cee e membro do grupo Farándula Velutina. Como dramaturgo, foi recoñecido con galardóns como o Premio Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro e o Roberto Vidal Bolaño. Entre as súas obras destacan A derradeira bala (Editorial Galaxia, 2018), Papiroflexia (Editorial Galaxia, 2021), Pallaso, Sincronizadas e Ofelia ou o cabeiro da cóbrega. No ámbito narrativo, publicou Miss Antropía na colección Costa Oeste de Galaxia e en 2023 foi recoñecido co Premio García Barros por Entomoloxía para misioneiros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email