Entrega da XXXV Edición do Premio de Novela “Manuel García Barros”, na Estrada

Categoría: Nova

O venres 20 de outubro, celebrarase, ás 20 h, no Teatro Principal da Estrada, a XXXV Edición do Premio de Novela “Manuel García Barros”, a Fernando Castro Paredes por Entomoloxía para misioneiros.

Acompañando o autor, estarán José A. López Campos, alcalde do Concello da Estrada; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

O xurado destacou nesta novela a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de occidente e oriente. Escrita cunha arquitectura moi elaborada que inclúe apístolas, informes e outras modulacións do discurso, “Entomoloxía para misioneiros” ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e poderosa voz.

En Entomoloxía para misioneiros, publicado na colección Literaria de Editorial Galaxia, o vinculeiro dunha podente familia de Capri, presbítero dunha relixión que se concibe a si mesma como a “Fe Verdadeira”, desaparece no cumprimento do seu labor misional nun territorio inhóspito habitado por pobos ignotos, que semellan pertencer máis ao mundo da lenda que ao da realidade. Os pais do misioneiro contratan a un experto antropólogo para localizalo e, se é posible, traelo de volta á casa.

Ambientada nun século XIX imaxinario, Entomoloxía para misioneiros constrúe, mediante a diversidade de linguaxes e técnicas narrativas, un universo de ficción onde o espírito aventureiro engarza situacións que contrapoñen a devoción relixiosa co racionalismo científico e a civilización coa barbarie, e conceptos como “honor”, “valentía”, “pecado” e “deus” adquiren un novo significado para as persoas en canto se ven sometidas aos avatares do seu destino.

Fernando Castro Paredes naceu en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975. Exerce coma profesor de ensino secundario. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro, do IES Fernando Blanco de Cee, e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. Cultiva todos os xéneros literarios, especialmente o teatro. Como dramaturgo, formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral e recibiu recoñecementos como o Premio Rafael Dieste, o Premio Álvaro Cunqueiro e o Premio Roberto Vidal Bolaño, entre outros. 

Na Editorial Galaxia, publicou obras para público adolescente como A derradeira bala, e a recente Miss Antropía, pertencentes á colección Costa Oeste; ou a obra teatral Papiroflexia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email