Publicado na colección Árbore de Editorial Galaxia, Historias da Fraga Revirada, é un álbum ilustrado que amosa á cativada a importancia de que todas e todos sexamos a persoa que queremos ser.

Un libro que conta con xogos e actividades para que as máis pequenas da casa poidan ser partícipes das fermosas historias da fraga.

O talento creativo de Xosé Tomás plásmase nesta singular Fraga Revirada na que conviven animais únicos e irrepetibles que rachan cos límites da súa especie. Un lobo vexetariano ou unha curuxa que quere vivir de día, son só algúns dos exemplos que habitan nestas páxinas.

Animais que cren en si mesmos e nas súas habelencias. Animádevos a entrar na fraga para coñecelos a todos!

Podedes ver o booktrailer, realizado por Manuel Díaz, premendo aquí.

Xosé Tomás ten desenvolvido a súa actividade maioritariamente no eido da ilustración e do humor gráfico. O seu debú monográfico en BD chegou coa obra Tolos, para a Universidade da Coruña. Colaborou no suplemento “Xatentendo.com” de “La Voz de Galicia” e traballa como debuxante nas edicións da Coruña e de Carballo deste xornal. Tamén fixo ilustracións e cómics para a revista “Plis-Plas” (Radio Galega / Xunta de Galicia). Participou habitualmente na primeira etapa de “Golfiño”, realizando pasatempos e a serie “Luzbell”. Conduciu diferentes obradoiros sobre BD e expuxo obra en mostras do Museo do Humor de Fene. Para a nosa editorial ten ilustrado libros como Flis-fli-ris-flás de Araceli Gonda, Vou ter un irmán! de María Solar, Nómades, ou Luzbell. O demo bombilla, escrito por Diego Rosales.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR