Chega a todas as librarías “A vida secreta de Úrsula Bas”, de Arantza Portabales

Categoría: Nova

O novo traballo de Portabales chegará este xoves 6 de maio a todas as librarías de Galicia.
Despois do rotundo éxito de Beleza vermella, a autora volve a sorprendernos con A vida secreta de Úrsula Bas, unha novela que rescata á mesma parella de policías, Abad e Barroso, nesta nova entrega que non deixará indiferente a ninguén. Unha historia chea de intriga e misterio que amosa o lado máis oscuro da alma humana.
As milleiras de lectoras e lectores que Arantza Portabales atesoura no seu haber están de sorte, pois poderán gozar con esta obra na que Santiago de Compostela é, de novo, a cidade protagonista. Nela, dun día para outro, desaparece a recoñecida escritora Úrsula Bas. Unha muller cunha carreira brillante que arrasa no panorama literario.
Que sabemos realmente de Úrsula Bas? Que pasará na súa vida secreta? Esta historia presenta, a través dunha escrita extraordinaria a dobre vida dunha muller que se deixa levar pola atracción do descoñecido. Atopámonos ante un dos grandes libros do ano. Unha novela impecable, ás que Arantza Portabales xa nos ten acostumados.
O xoves 6 de maio celebrarase, na librería Cronopios de Santiago de Compostela a primeira presentación do libro. O xoves 13 estará na Fundación Luís Seoane da Coruña, dentro da programación Somos o que lemos, o sábado 15 celebrarase, en Pontevedra, unha sinatura do libro, na librería Cronopios.
En Vigo, estará o venres 28 de maio na Deputación de Pontevedra e, en xuño, o día 11, na libraría Miranda de Bueu.
Non vos quededes sen presenciar unha das estreas do ano da que é unha das escritoras máis aclamadas da novela galega contemporánea.
Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Na Editorial Galaxia, publicou títulos moi aclamados coma Sobrevivindo (Galaxia 2015), obra que resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas da Voz de Galicia, Deixe a súa mensaxe despois da sinal, (Galaxia, 2017), que foi traducida ao castelán, ao italiano, ao hebreo e ao alemán, e, tamén, levada ao teatro pola Compañía Tanttaka. A arrasadora Beleza vermella, (Galaxia, 2019) publicouse conxuntamente coa tradución da mesma ao castelán, sendo publicada tamén en Italia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email