O mércores 5 de maio, celebrarase, ás 19:30 h, na libraría Pedreira de Santiago de Compostela, a presentación do libro Contra o reloxo, de Carlos Labraña, ilustrado por Fonso Barreiro (Fon).
Acompañando o autor e o ilustrador, asistirá o crítico literario Armando Requeixo.
O acto contará cunha lectura dramatizada do texto a cargo da compañía “Os Furabolos”.
Carlos Labraña volve publicar en Editorial Galaxia, na colección Árbore, este fantástico texto teatral onde todo é posible. A través das páxinas deste fermoso libro, ilustrado por Fonso Barreiro, soñaremos, na reloxaría de Don Pedro, un universo de mundos posibles.
Contra o reloxo supón tamén unha historia de amor incondicional pai-filla. Narrada dun xeito divertidísimo, nesta historia ninguén é quen parece ser. Recomendado a partir dos 12 anos, a través da súa lectura, as lectoras e lectores poderán viaxar atrás no tempo cos nosos protagonistas. Cando a agulla chegue aos últimos minutos do día, nada será coma antes…
Unha historia fabulosa. Non perdades a oportunidade de lela ou, no mellor dos casos, representala!
Carlos Labraña é un dramaturgo especializado en teatro para nenas e nenos. Neste eido acadou os premios Xeración Nós, Estornela, Manuel María e O Facho, con pezas que se len e representan de maneira habitual nos colexios, como Indo para o Samaín, Estrelamar ou O Apalpador. A partir de 2010 a súa escrita vira a temáticas mais comprometidas socialmente. Desta época podemos salientar: A pequena compaña, onde desde o humor se denuncian os abusos cometidos á infancia; O valo, que trata o drama dos refuxiados; Moito Morro Corporation Sociedade Ilimitada, comedia ácida sobre a crise económica (Premio de Teatro na Gala do Libro 2017); e Estrelecer, peza de misterio con reivindicación feminista (lecturas dramatizadas da SGAE). No ano 2016 fundou a compañía de teatro Os Furabolos, onde desenvolve tamén as súas facetas como actor e director.