Premio Frei Martín Sarmiento 2013
Un libro protagonizado pola incerteza que unha nena sente cando os seus pais lle din que vai ter un irmán.
As preguntas acoden voando á súa cabeciña: e como será? e como é posible iso? e como vai cambiar a miña vida? e os meus pais agora van ser diferentes?
María Solar constrúe unha historia divertida que permitirá, a irmáns maiores e a pais e nais co seu segundo en camiño, abordar o tempo da espera dende a comicidade e unha visión moi graciosa do mundo. Porque non hai nada máis fascinante que ter un irmán.
María Solar é unha das autoras máis lidas e traducidas dos últimos anos en Galicia. Escritora e xornalista, a súa carreira profesional na comunicación está moi vencellada ao mundo audiovisual. É coordinadora de cultura da CRTVG e presenta o programa ZigZag Fin de Semana da TVG. Presentou todo tipo de programas e formatos tanto en radio como en televisión e colaborou en prensa e revistas. A súa formación académica abrangue as ciencias e as letras. É licenciada en Bioloxía e Xornalismo e diplomada en Maxisterio
Como escritora colleitou éxitos como ‘Os nenos da varíola’ (Galaxia, 2017), premio ao mellor libro xuvenil da III Gala do Libro. Gañou o Premio Lazarillo de creación literaria con ‘O meu pesadelo favorito’ (Galaxia, 2015), tamén premio ao mellor libro infantil da I Gala do libro e destacado na preciada Lista White Ravens da Biblioteca de Múnich. Entre outros libros da autora destacan: ‘As horas roubadas’ (Xerais, 2016) Premio Frei Martin Sarmiento á mellor novela de adultos, A verdadeira historia da mosca da tele (Galaxia, 2012) Premio Frei Martin Sarmiento, ‘As meigas de Lupa’ (Xerais, 2012), ‘Teño un pés perfectos’ (Kalandraka, 2012) Lista White Ravens, ‘Vou ter un irmán’ (Galaxia, 2010) Premio Frei Martin Sarmiento. En ensaio publicou, entre outros, o libro ‘¿Quieres ser periodista?’ (Siruela, 2017) con Luis Fraga. Case toda a súa obra está traducida a castelán e catalán e internacionalmente ten traducións ao portugués, italiano, chino e filipino.
Xosé Tomás ten desenvolvido a súa actividade maioritariamente no eido da ilustración e do humor gráfico. O seu debú monográfico en BD chegou coa obra Tolos, para a Universidade da Coruña. Colaborou no suplemento Xatentendo.com de La Voz de Galicia e traballa como debuxante nas edicións da Coruña e de Carballo deste xornal. Tamén fixo ilustracións e cómics para a revista Plis-Plas (Radio Galega / Xunta de Galicia). Participou habitualmente na primeira etapa de Golfiño, realizando pasatempos e a serie “Luzbell”. Conduciu diferentes obradoiros sobre BD e expuxo obra en mostras do Museo do Humor de Fene.
Para a nosa editorial ten ilustrado libros como Flis-fli-ris-flás de Araceli Gonda ou Vou ter un irmán! de María Solar.