“Premio Fervenzas Literarias 2017 ao Mellor Libro Xuvenil do ano”.
“Premio Gala do Libro 2018 na categoría de Mellor Obra Xuvenil”
Sen dúbida, estamos diante da novela máis ambiciosa e lograda de María Solar. Desta volta achégase a unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes. Aínda que o foron. Nos seus pequenos corpor, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Sacados dos hospicios da Coruña, Santiago e Madrid, cruzarán o Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis e na que unha muller fascinante, Isabel Zendal, xogará un apapel determinante. A historia comeza en 1803. Na miseria dos orfanatos. Nun barco que pode ser tamén unha tumba. Nun mar hostil e desapiadado. No medio dese universo cruel, a esperanza e un posible futuro. O heroísmo anónimo de 22 nenos que, grazas a este libro, xa non o serán máis nunca.
María Solar é unha das autoras máis lidas e traducidas dos últimos anos en Galicia. Escritora e xornalista, a súa carreira profesional na comunicación está moi vencellada ao mundo audiovisual. É coordinadora de cultura da CRTVG e presenta o programa ZigZag Fin de Semana da TVG. Presentou todo tipo de programas e formatos tanto en radio como en televisión e colaborou en prensa e revistas. A súa formación académica abrangue as ciencias e as letras. É licenciada en Bioloxía e Xornalismo e diplomada en Maxisterio
Como escritora colleitou éxitos como ‘Os nenos da varíola’ (Galaxia, 2017), premio ao mellor libro xuvenil da III Gala do Libro. Gañou o Premio Lazarillo de creación literaria con ‘O meu pesadelo favorito’ (Galaxia, 2015), tamén premio ao mellor libro infantil da I Gala do libro e destacado na preciada Lista White Ravens da Biblioteca de Múnich. Entre outros libros da autora destacan: ‘As horas roubadas’ (Xerais, 2016) Premio Frei Martin Sarmiento á mellor novela de adultos, A verdadeira historia da mosca da tele (Galaxia, 2012) Premio Frei Martin Sarmiento, ‘As meigas de Lupa’ (Xerais, 2012), ‘Teño un pés perfectos’ (Kalandraka, 2012) Lista White Ravens, ‘Vou ter un irmán’ (Galaxia, 2010) Premio Frei Martin Sarmiento. En ensaio publicou, entre outros, o libro ‘¿Quieres ser periodista?’ (Siruela, 2017) con Luis Fraga. Case toda a súa obra está traducida a castelán e catalán e internacionalmente ten traducións ao portugués, italiano, chino e filipino.