Rolda de prensa de presentación de “Alén”, en Ferrol

Categoría: Nova

O venres 30 de abril, celebrarase, ás 18:00 h, no patio do Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, unha rolda de prensa de presentación arredor do libro Alén, de Xaime Quintanilla.
Presentarán o libro o alcalde de Ferrol, Ángel Mato Escalona, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Velaquí a nova reedición de Alén, de Xaime Quintanilla, unha obra que supuxo un cambio de paradigma na escrita dramática da época, cando se publicou en 1921, marcando o inicio de camiños por facer.

Alén recrea a peripecia dunha sociedade espiritista que agarda a volta do seu mestre desde o mundo das tebras, pero tamén é a historia dun amor imposible que se refuxia nas xeografías da saudade.
Trátase dunha comedia dramática que transcorre en Nova York, na que atoparemos personaxes que, sendo irlandeses, alemáns ou norteamericanos, falan galego como o fala a xente de Mugardos ou do Valdoviño. Toda unha impostura naquel ano de 1921 no que se publica.
Xaime Quintanilla Martínez (Ferrol, 1892-1936) dedicouse profesionalmente á medicina e, amais de membro das Irmandades da Fala, foi alcalde de Ferrol ao encabezar as listas do PSOE nas eleccións de 1931, que supoñen a instauración do réxime constitucional da Segunda República. Foi un activo animador cultural, amais de editor e colaborador en diversos medios de comunicación.
Do seu interese polo teatro, como actor e director no coro Toxos e Frores, onde colabora en varios espectáculos, e como dramaturgo, dan conta as pezas Donosiña e Alén.
Foi asasinado en 1936 pola súa militancia socialista e republicana.

Comparte nas túas redes sociais ou por email