Non haberá grandes fastos. Con austeridade, con humildade, sabendo que a historia e a credibilidade gáñanse todos os días dende o traballo e a coherencia das propostas que se fan, Editorial Galaxia afírmase como a editora veterana do sistema editorial e cultural galego.
Sesenta anos de traballo, case que 2000 títulos de catálogo histórico, 1000 títulos de catálogo vivo, autores clásicos e contemporáneos, e todos os xéneros: novela, poesía, ensaio, investigación, manuais, guías de lecer e de natureza, álbumes ilustrados, literatura infantil e xuvenil, xornalismo, etc. No catálogo de Galaxia están as obras de Rosalía de Castro e de Yolanda Castaño; de Castelao e de Camilo Nogueira; de Ramón Piñeiro e de Ramón Villares; dende Eduardo Blanco Amor, Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro a Antón Riveiro Coello, Manuel Rivas, Domingo Villar ou Bieito Iglesias.
A editora afírmase no seu traballo e aposta por novos desenvolvementos estratéxicoas: a área dixital, que inaugurará a súa propia librería electrónica neste ano 2010; e os novos mercados, con atención especial a Latinoamérica (Uruguai, Arxentina, Brasil e México) onde estamos a establecer novas colaboracións.
Ao longo dos próximos meses iremos debullando novos proxectos, novas ideas e esperamos que novas ilusións para a nosa lingua e a nosa cultura, que entra no novo século dende a modernidade, a esixencia crítica e a consciencia de estar no concerto dos pobos e as culturas do mundo. A pluralidade é unha riqueza; a diversidade, unha característica esencial da condición humana.