"A Academia é un suxeito colectivo, constituído por fortes indivualidades", declarou Méndez Ferrín diante dos xornalistas, logo de tomar posesión do cargo. "A Nosa vocación é o traballo, en silencio, con humildade, mais tamén sendo inflexibles no patriotismo e na defensa da nosa lingua".
Vintetrés académicos emitiron o seu voto (un deles por correo): vinte afirmativos e tres en branco. "O apoio é óptimo", recoñece o novo presidente. "Non houbo outra candidatura para opoñerse á miña, aínda que tamén é certo que eu non me opuxen tampouco á de ninguén. Ao nso proceso súmase o conxunto da Academia, e estou seguro de que os que votaron en Branco se unirán aos nosos traballos co mesmo entusiasmo dos que votaron afirmativamente".
A nova executiva queda constituída por Xosé Luis Axeitos (secretario), Manuel González González (tesoureiro), Euloxio Rubial (arquiveiro-bibliotecario) e Francisco Fernández Rei (vicesecretario). Os dous primeiros xa formaban parte da directiva anterior, presidida polo historiador Barreiro Fernández, o que di da vocación de continuidade que o novo equipo representa.
Como obxectivos inmediatos, Xosé Luis Méndez Ferrín anunciou a defensa do idioma, pero sobre todo a reanudación ou continuidade de traballos pendentes: o dicionario, a gramática normativa, a onomástica da lingua galega, ademais de activar comisións internar, incorporar nos labores académicos mesmo aos académicos correspondentes. "pois necesitamos de todos", e afrontar a cuestión económica.
En palabras do novo tesoureiro, a RAG precisa de arredor de 1.200.000 euros anuais para o seu mantemento e o desenvolvemento das súas actividades, financiación que actualmente recibe de moi diversas fontes, públicas e privadas, aínda que ningunha de xeito estable, ao contrario que outras institucións semellantes en Europa.
A elección do novo presidente, prevista nos estatutos da corporación, que contemplan a renovación do cargo cada catro anos (sen poder repetir dous mandatos), coincide coa recente emisión de ditame crítico que a RAG formulou sobre as Bases do Decreto de Plurilingüismo no ensino non universitario, documento da Xunta de Galicia que está a ser fortemente contestado por amplos sectores da sociedade galega. Neste sentido, o novo presidente fixo votos tamén para o futuro: "Quixera que a Academia puidese estar calada e que todos estivésemos traballando. Mais o pobo pedíunos un posicionamento, e o noso posicionamento está aí: respetuoso e claro".