Dúas obras de Editorial Galaxia, finalistas do XXIV Premio Plácido Castro de Tradución

Categoría: Nova

Os castelos de Athlin e Dunbayne, de Ann Radcliffe, traducida por María Fe González Fernández, e Menos que humano, de Osamu Dazai, traducida por Gabriel Álvarez Martínez, forman parte das catro obras finalistas do XXIV Premio Plácido Castro de Tradución.

A presenza destes dous títulos entre as obras seleccionadas supón un recoñecemento ao traballo das persoas tradutoras e á importancia de seguir incorporando á lingua galega obras relevantes da literatura universal.

Os castelos de Athlin e Dunbayne

Publicada orixinalmente en 1789, Os castelos de Athlin e Dunbayne é unha das obras aurorais da novela gótica. Ambientada nas Highlands escocesas, a historia reúne amores, crimes, traizóns e vinganzas nun mundo marcado pola honra, a nobreza dos sentimentos e a rectitude no obrar.

As paisaxes esgrevias, os castelos maxestosos, a intensidade das paixóns e a determinación dos personaxes constrúen un relato trepidante, cheo de aventuras e reviravoltas inesperadas.

A obra de Ann Radcliffe foi traducida ao galego por María Fe González Fernández.

Menos que humano

Menos que humano achéganos á vida de Yozo Oba a través de tres fotografías e de varios documentos autobiográficos que chegan ás mans do narrador.

O protagonista, membro dunha familia acomodada de provincias, séntese incapaz de comprender as persoas que o rodean e cuestiona desde a infancia a hipocrisía e as incongruencias da humanidade. Para protexerse, adopta o papel dun bufón que procura provocar a gargallada fácil, ata que un compañeiro de escola descobre a súa farsa.

Trasladado posteriormente a Toquio para continuar os seus estudos, Yozo traizoará as expectativas familiares e caerá nunha espiral de alcol, mulleres e comportamentos destrutivos.

Considerada a gran novela de Osamu Dazai, un dos escritores máis relevantes da literatura xaponesa da primeira metade do século XX, a obra foi traducida ao galego por Gabriel Álvarez Martínez.

O Premio Plácido Castro de Tradución, dotado con 3.000 euros, está destinado a promover as versións en lingua galega de obras literarias procedentes doutras linguas. A iniciativa lembra a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, xornalista e tradutor, que contribuíu a estimular, a través das súas traducións, a recuperación explícita da identidade galega.

O certame está convocado pola Fundación Plácido Castro, da que forman parte os concellos de Cambados, Catoira, Corcubión e Vilagarcía de Arousa, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional.

Comparte nas túas redes sociais ou por email