Editorial Galaxia publica dous novos catálogos con propostas de lectura para o curso 2026/2027: un dirixido a Infantil e Primaria e outro destinado a Secundaria.
Os dous catálogos reúnen unha selección de títulos pensada para facilitar o labor do profesorado, das bibliotecas escolares e das persoas responsables dos clubs de lectura á hora de preparar as súas propostas lectoras para o novo curso.
O catálogo do Plan lector de Infantil e Primaria organiza as recomendacións por etapas: Infantil, 1º e 2º de Primaria, 3º e 4º de Primaria e 5º e 6º de Primaria. A selección incorpora álbums ilustrados, narrativa, teatro, banda deseñada e obras de divulgación, ademais de propostas en formato audioconto e lectura fácil.
Entre os títulos recollidos atópanse novidades como “Un porquiño polo San Martiño”, Premio Alberte Quiñoi de Álbum ilustrado, de Macarena G. Vicente e Iria Bermúdez; “Croco”, de Irene Alonso Gasalla, ilustrado por María María Rey Noya; “Iceberg”, de Carlos Labraña, ilustrado por Sara Romero; “Operación Morcego”, de Mara Méndez; “Cando o mundo é azul”, VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, de Óscar Reboiras, ilustrado por Carolina Nickelle Lois; “Bonecas”, Premio O Facho de Teatro, de Raquel Castro, ilustrado por Eva Agra (Komorevi); “Vida en rede”, de Ana Rodicio, ilustrado por Alba Chan; “Nenapingüín”, Premio Carlos Mosteiro 2025, de Daniel Landesa, ilustrado por Miki Momchi; ou “Un mar de preguntas”, de Javier García Galdo, ilustrado por Roque Araújo Rey. O catálogo tamén reserva un espazo para a obra infantil de Carlos Casares.
Pola súa banda, o catálogo do Plan lector de Secundaria presenta unha ampla proposta de narrativa xuvenil e para público adulto, lectura fácil, audiolibros, divulgación, banda deseñada e teatro. A selección inclúe obras pertencentes a coleccións como Bitácora, Costa Oeste, Ronsel, Literaria ou Banda Deseñada.
Nas súas páxinas poden atoparse títulos como “Místicas. Curso do 34”, Premio Neira Vilas 2026, de Álvaro Domínguez; “Odio”, Premio Neira Vilas 2025, de Gabriel Romero; “Reencontro”, de Fred Uhlman; “Unha historia de amor como outra calquera”, Premio Raíña Lupa Xuvenil 2024, Premio Follas Novas de Literatura Xuvenil 2026, de Rosa Aneiros; “Pontealbar”, de Adrián Noia; “Runrún”, de Ana Varela; “Punto de araña”, Premio García Barros 2025, Premio Follas Novas de Narrativa 2026, de Nerea Pallares; “Illa de sangue”, Premio de Narrativa Breve Repsol, de Carmen V. Valiña; “O mar que me levou”, de Silvia Fernández Recouso; ou “Os rapaces só se tocan para darse de hostias”, Premio de Teatro Vidal Bolaño 2025, de Iván Caloto, entre outras propostas.
Os dous catálogos ofrecen información detallada sobre cada obra; con estas dúas publicacións, Editorial Galaxia pon ao alcance da comunidade educativa unha ferramenta de consulta para coñecer as propostas editoriais dispoñibles e preparar os itinerarios de lectura do curso 2026/2027.
Consulta os catálogos: