Dúas alegrías e un pasamento

Categoría: Nova

A pesar de que Constantino García nacera en Oviedo hai 81 anos, o seu corazón era galego desde que no ano 1965 chega a Compostela. En Galicia desenvolveu un intenso labor de estudo e investigación arredor da lingua galega desde diversas frontes: na universidade como Catedrático de Románicas e como decano da Facultade de Filoloxía, no seu traballo na Real Academia, da que foi secretario, como director do Centro Ramón Piñeiro e, incluso, destacou como divulgador codirixindo, con Rosa Castro, o programa da Televisión de Galicia, Cousas da Lingua.

Sen embargo, hai un fito importante que destaca no seu brillante curriculum: a súa participación na fundación, no ano 1971, do Instituto da Lingua Galega. Daquela, non é esaxerado dicir que todo o traballo que a día de hoxe se fai desde distintos sectores da cultura arredor da lingua e da normalización e dignificación da nosa lingua non se terían dado sen o seu concurso. No catálogo da Editorial Galaxia queda o seu traballo de dirección, na compaña de Manuel González González, do Diccionario da Real Academia Galega, que viu a luz no ano 2000, nunha coedición froito da colaboración entre a Academia, Galaxia e Xerais.

Para o sábado está previsto, ás cinco e media do serán, un funeral na Igrexa da Nosa Señora do Pilar de Compostela.

Onte tamén, nunha xornada intensa, abriamos o día recibindo a boa nova do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Agustín Fernández Paz polo seu libro de relatos O único que queda é o amor. Un recoñecemento a súa obra da que nos sentimos partícipes toda a cultura galega e que vén coroar unha carreira literaria intensa e dun altísimo nivel. O galardón chega uns días despois de que o historiador Justo Baramedi o recibira tamén, na categoría de ensaio, pola súa obra De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Ámbolos premios dán unha boa medida da saúde dos nosos creadores e do noso sistema literario, de cada vez máis recoñecido e valorado alén e aquén das nosas fronteiras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email