Comezou o Obradoiro Literario para Profesores

Categoría: Nova

O obradoiro foi presentado pola Concelleira de Educación de Ourense, Ana Mª Garrido Rodríguez e por Pablo Sánchez Ferro en nome da Fundación Otero Pedrayo. A concelleira deu a benvida aos participantes aos que lembrou que as instalacións do Instituto de Artes Escénicas estaban á súa disposición como unha prolongación da Concellería de Educación. Ao mesmo tempo felicitou aos profesores participantes polas súas ganas de seguir aprendendo e mellorando cada día. Pola súa banda, Pablo Ferro sinalou que era "un orgullo para a Fundación Otero Pedrayo desenvolver esta actividade fóra da nosa querida Trasalba, en Ourense, nesta cidade tan amada por don Ramón".

Nesta primeira sesión, os participantes tiveron ocasión de poñer en práctica todo un mollo de técnicas motivadoras da escrita literaria na aula ao mesmo tempo que demostraban o seu talento literario. A xornada xirou ao redor da idea da literatura coma un goce, coma unha oportunidade para darlle voltas á palabra ata que aparece a expresión feliz, na crenza de que todos e todas teñen un certo talento literario que pode chegar a agromar.

Todas as creacións (poemas, relatos) que vaian nacendo ao abeiro do Obradoiro, irán vendo a luz nun blog (www.blogoteca.com/euescribo) onde se publicarán para que fiquen así á disposición de todos os profesores e profesoras de Galicia.

O Obradoiro continuará hoxe e o vindeiro mércores e xoves.

Comparte nas túas redes sociais ou por email