En palabras dos responsables das dúas empresas, Víctor F. Freixanes como director xeral de Editorial Galaxia e Luis Collado, responsable de Google Búsqueda de Libros, trátase de proxectar globalmente na Rede, con presencia en todo o mundo, unha parte importante da edición galega, a que a devandita editora representa. A comercialización dos libros será por conta de Editorial Galaxia, mais a publicitación universal dos mesmos será responsabilidade de Google, que dende antes do verán está a dixitalizar os fondos da editora nas súas sedes de California.
"Queremos que a literatura galega estea presente no diálogo universal da Rede", declararon ambos os dous responsables, "para o cal fixemos un importante esforzo entre as dúas partes, conscientes da necesidade de que a a cultura galega participe activamente na era dixital".
Algúns títulos estarán disponibles para a súa lectura na Rede. Outros, segundo a disponibilidade dos autores e as autoras, amosarán parcialmente os seus contidos, para a súa identificación e consideración por parte dos internautas. No mes de decembro, ambas as dúas empresas realizarán unha demostración pública do acordo aos usuarios potenciais.
Mesa redonda en Vigo
Luis Collado participará o próximo 28 de outubro, martes, nunha mesa redonda que a Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza na cidade de Vigo, coincidindo coa exposición itinerante "As nosas palabras. Os nosos mundos", comisariada polo profesor da universidade de Vigo Anxo Lorenzo.
A mesa redonda, que forma parte das actividades complementarias da devandita exposición, celebrarase nos locais da Estación Marítima, co título xenérico de "A idade dixital do galego. Lingua, tecnoloxía e empresa". Participarán na mesma, ademais de Luis Collado, Monserrat Pardo, xerente de relacións institucionais de Microsoft Ibérica; Xosé María Pousada, director da ETSE de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, e a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López.
O acordo entre Editorial Galaxia e Google realízase por iniciativa de ambas as dúas empresas, sen axudas institucionais de ningún tipo.