Dona de seu, vida e legado de Avelina Valladares

Categoría: Nova

Chega a Galaxia Os seráns de Vilancosta. Unha homenaxe a Avelina Valladares, de Santiago Cortegoso, con ilustracións de Rosa de Cabanas.

A editorial Galaxia recibe con entusiasmo a chegada dunha nova obra que mestura a forza do teatro e a beleza da ilustración en Os seráns de Vilancosta, de Santiago Cortegoso, con ilustracións de Rosa de Cabanas.

Nos seráns, en Vilancosta, soa a música e a poesía. A figura de Avelina Valladares cabalga pola beira do Ulla con expresión humilde pero decidida. Intelixente, culta, empática cos humildes e dona dun carácter independente e resolutivo, a súa presenza impregna cada páxina deste libro.

Xa dispoñible en todas as librarías.

Santiago Cortegoso (Domaio, Moaña, 1974) é unha das voces máis recoñecidas do teatro galego contemporáneo. Actor, dramaturgo e director de escena, traballou en compañías como Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, A Factoría Teatro ou Ibuprofeno Teatro, coa que asinou obras como Reconversión, Smoke On The Water, O mel non caduca, Casa O’Rei, Raclette, O furancho e A filla de Woody Allen.

Premiado en múltiples ocasións con galardóns como o Rafael Dieste, Álvaro Cunqueiro, Varela Buxán e María Casares, tamén foi finalista nos Premios Max 2017 en Autoría e Dirección por Raclette. Ademais, escribiu O charco de Ulises, estreado polo Centro Dramático Galego en 2021.

Rosa de Cabanas (Ouzande, A Estrada, 1976). Compaxina a súa actividade como arquitecta con traballos de deseño gráfico e ilustración en diferentes ámbitos. Como ilustradora, procura múltiples significados baixo unha aparencia de sinxeleza. Busca a expresividade a través do trazo, de paletas concisas de cores ou por medio do simbolismo das figuras e situacións que representa.

Nos últimos anos desenvolveu varios proxectos artísticos propios, como Mulleres valentes, Mulleres imaxinadas, Térrea e Compañeiras, onde explora temas sempre presentes na súa obra: a muller, a identidade galega e rural e a memoria.

Agora, en Os seráns de Vilancosta, Santiago Cortegoso e Rosa de Cabanas conxugan talento e sensibilidade para ofrecer unha obra única. Un libro que nos mergulla na música, na poesía e na memoria.

Comparte nas túas redes sociais ou por email