O martes 18 de marzo, celebrarase, ás 11 h, no Gato Negro, en Carril, unha rolda de prensa de presentación do libro As poetas da colección Salnés, introdución e escolma de Patricia Arias Chachero.
Acompañando a autora, estarán Sonia Outón, concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa; e Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia.
Coa celebración do seu 75 aniversario, Editorial Galaxia recupera o espírito innovador que demostrou nas súas publicacións dende 1950 traendo aos lectores e lectoras do século XXI moitas destas obras que supuxeron unha renovación do mundo cultural galego e, por extensión, tamén da súa sociedade. Esta colección conmemorativa ábrese co presente volume: “As poetas da colección Salnés”.
En 1961 a editorial crea unha colección de poesía en lingua galega, a colección Salnés. Nela publicarán as poetas escolmadas pola profesora Patricia Arias Chachero, responsable tamén do limiar. Todas de procedencias e estilos moi variados, son, María do Carme Kruckenberg, que asina “Canaval de ouro en 1962”; Pura Vázquez, en 1963 con “A saudade i outros poemas”; e María Manuela Couto Viana e Anne Marie Morris, dúas poetas alófonas, autoras de “Frauta lonxana” (1964) e “Voz fuxitiva” (1965), respectivamente. A elas cómpre sumar Xohana Torres, que se inclúe nesta antoloxía porque é a primeira muller en publicar en Galaxia e porque tivo intención de publicar en Salnés, malia non facelo.
Cómpre ler os poemas desta escolma tendo moi presente o contexto en que foron pensados, escritos e publicados. Apareceron nunha sociedade fortemente patriarcal onde o discurso católico tradicional definía e condicionaba o sentir e o actuar das mulleres. Só así poderemos valorar a modernidade e importancia do seu traballo. Foron as primeiras, as que romperon barreiras e superaron prexuízos, as que abriron as portas para todas as que vimos detrás. Fixérono cravando a vista nos poucos referentes femininos de que dispuñan, con sororidade, apoiándose unhas nas outras.