Na mañá deste martes, 18 de marzo, celebrouse no café O Gato Negro de Carril unha rolda de prensa para presentar o volume As poetas da colección Salnés, con introdución e escolma de Patricia Arias Chachero. O acto contou coa presenza da propia autora, ademais de Sonia Outón, concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa, e Xosé M. Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.
Este libro é o primeiro volume da colección especial 75 aniversario de Editorial Galaxia, unha iniciativa que busca recuperar e poñer en valor a riqueza literaria galega dende unha ollada contemporánea. Xosé Soutullo salientou que “esta é a primeira obra da colección 75 aniversario de Editorial Galaxia, que contará con 10 volumes en total”.
Durante a súa intervención, Patricia Arias Chachero expresou a importancia persoal e profesional deste proxecto, afirmando que “facer esta introdución e escolma de poetas foi un agasallo para min”. Como docente e conselleira de Editorial Galaxia, salientou que “Editorial Galaxia daquela foi unha editorial dirixida por homes pero que tiñan a sensibilidade de darlle voz ás mulleres poetas”. Subliñou ademais a relevancia dun dos poemas incluídos na antoloxía, de María do Carme Kruckenberg, que “resulta ser o primeiro poema, que se teña rexistrado, do que se fala de amor entre dúas mulleres”.

O libro rescata as voces de mulleres poetas que publicaron dentro da colección Salnés de Editorial Galaxia, inaugurada en 1961. Nela figuran nomes como María do Carme Kruckenberg, Pura Vázquez, María Manuela Couto Viana e Anne Marie Morris. Tamén inclúe a Xohana Torres, quen, malia non publicar directamente na colección, foi a primeira muller en publicar en Galaxia e tiña intención de facelo dentro desta serie. O contexto sociocultural no que escribiron estas autoras foi decisivo para entender o valor da súa obra, que racha co discurso patriarcal e relixioso predominante da época.
Sonia Outón, pola súa parte, resaltou o papel fundamental de Editorial Galaxia ao longo da historia, apuntando que “marcou a estrutura literaria de Galicia, sendo un dos proxectos culturais máis importantes da actualidade”.

Con esta publicación, Editorial Galaxia reafirma o seu compromiso coa recuperación e visibilización da literatura galega desde unha perspectiva inclusiva e plural, celebrando o legado das mulleres poetas que abriron camiño para as xeracións futuras.

A colección conmemorativa do 75 aniversario continuará con nove volumes máis, afondando en diferentes aspectos da nosa cultura e literatura, sempre co obxectivo de conectar as xeracións actuais co noso patrimonio literario.