O escritor Domingo Villar será nomeado Vigués Distinguido.
Este mércores o alcalde de Vigo, Abel Caballero, comunicou en rolda de prensa novos nomeamentos como Vigués Distinguido, que serán entregados na gala que se celebrará o 23 de marzo, ás 20:00 h, no Teatro García Barbón.
Villar será un dos premiados no acto. Esta distinción recoñece o labor do autor, que converteu tanto a ría como a cidade de Vigo nun personaxe máis nas súas historias.
A través da súa impecable escrita, inaugurou con Ollos de auga a exitosa serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. O segundo título, A praia dos afogados, supuxo unha consagración no panorama internacional da novela negra, obtendo excelentes críticas e vendas. En 2019 publicouse O último barco, o esperado regreso do inspector Leo Caldas. A serie foi traducida a máis de quince linguas e recibiu un gran número de premios.
Algúns contos completos , publicada en 2021, desvelou unha faceta sorprendente do aplaudido autor de novela negra. Esta obra, fabulosamente ilustrada cos linogravados de Carlos Baonza, é tributo á vida e á amizade, un libro no que non hai espazo para a tristeza.
Dende a Editorial Galaxia aplaudimos este merecido recoñecemento a un dos autores máis importantes das nosas letras.