A Editorial Galaxia publica “O maio”, de Curros Enríquez, en formato ilustrado

Categoría: Nova

Blanca Millán converte o poema de Curros Enríquez nunha festa visual delicada, chea de lirismo e pracer estético.
A Editorial Galaxia publica “O maio”, un clásico da literatura galega en formato álbum ilustrado.
Os versos de Manuel Curros Enríquez conxúganse á perfección coas cores, cheas de vida e diversión, de Blanca Millán. Esta é unha aposta de Galaxia por amosar da maneira visual unha das obras máis importantes da nosa literatura.
O texto, que pertence á edición da Poesía galega completa, de Curros Enríquez, en edición de Carlos Casares (Editorial Galaxia, 1992), está dedicado a todas as aldeas que loitan para manter vivas as tradicións, e aos cativos que gozan delas. A obra de Curros caracterízase polo compromiso social e o anticlericalismo, sempre cun profundo civismo e coherencia ideolóxica.
Un libro imprescindible para que as nenas e os nenos coñezan un poema esencial de nós.
Manuel Curros Enríquez é xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, unha das grandes voces clásicas da literatura galega do século XIX. Nado en Celanova en 1851, desenvolveu un interesante labor como xornalista, e foi o autor dalgunhas das obras poéticas de máis valía das letras galegas. Poeta realista de carácter cívico, amosou a súa perspectiva galeguista progresista e o seu compromiso cos oprimidos en Aires d’a miña terra e o seu anticlericalismo en O divino sainete.

Comparte nas túas redes sociais ou por email