A Editorial Galaxia publica “Dublineses”, de James Joyce

Categoría: Nova

No mesmo ano no que se celebra o centenario de publicación do laureado Ulises, a Editorial Galaxia publica a tradución de Dublineses, de James Joyce.
A tradutora María Alonso Seisdedos, que foi unha das encargadas de traducir Ulises, trae ao galego esta alfaia da literatura que o propio Joyce publicou en 1914. Unha colección de quince relatos escritos dun xeito realista nos que se retrata a clase media de Dublín e arredores durante os primeiros anos do século XX. No momento en que o autor escribe estas narracións, o nacionalismo irlandés e a súa defensa da identidade nacional estaban en plena efervescencia.
Publicada na colección Literaria, esta obra amosa o punto central da concepción narrativa de Joyce:  a idea da epifanía, a dunha revelación do senso da vida como consecuencia dunha experiencia concreta.
Para Joyce, a busca da identidade nacional representaba unha parálise, unha pexa no progreso da arte e da cultura cara a esa revelación. E Dublín estaba na cerna dese movemento regresivo. Por iso hai nestes contos un intento de prepresentar o paso do tempo, da infancia á vellez, como un proceso de iniciación e iluminación que conclúe na historia final, “Os mortos”.
James Joyce (Dublín, 1882 – Zürich, 1941) é autor das novelas Retrato do artista cando novo (1916), Ulises (1922, Editorial Galaxia, 2013), e Finnegans Wake (1939). Esta última obra supón o afastamento definitivo da idea de lingua materna e da suxeición da literatura a normas que non lle son propias. O resto da súa obra inclúe tres poemarios, unha peza teatral, a súa correspondencia e colaboracións xornalísticas. É a figura principal da narrativa modernista que significou a renovación da novela durante a primeira metade do século XX. Tanto a súa vida coma a súa obra son símbolo da defensa da autornomía da literatura fronte aos convencionalismos, incluídos os políticos, e fronte á imposición de criterios comerciais.

Comparte nas túas redes sociais ou por email