Calveiro publica o primeiro título da súa saga protagonizado por Curros e Holmes

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia estrea unha nova saga de novelas xuvenís protagonizadas por Curros Enríquez e Sherlock Holmes, da autoría de Marcos Calveiro. O primeiro título é, Curros & Holmes no Misterio do Kapital, que esta semana chegará ás librarías de toda Galicia.
Nesta lectura, o autor, achéganos a unha historia que inaugura toda unha colección de novelas de corte policial, de intriga e misterio. Neste título, Calveiro introduce ás lectoras e lectores ao derradeiro terzo do século XIX, no momento en que Karl Marx escribe, na biblioteca do British Museum, a segunda parte da súa obra máis destacada, O Kapital, cando lle rouban parte do manuscrito.
A través de grandes aventuras, ateigadas de emoción e misterio, Sherlock Holmes e o poeta Curros Enríquez, empregarán todas as súas habilidades para resolver este misterio.
Nesta apaixonante aventura, chea de humor, crítica e sabedoría, que transcorre polas perigosas e misteriosas rúas do Londres vitoriano, as lectoras non poderán deixar o libro dende a primeira páxina.
Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968) deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007), así como con O car-teiro de Bagdad (Premio Ala Delta de Literatura Infantil 2007), O canto dos peixes (Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil 2008), O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009), Lois Pereiro. Náufrago do paraíso e Centauros do norte (Premio Raíña Lupa 2011) e Palabras de auga (Premio Merlín de Literatura Infantil 2012).
Entre as súas novelas para adultos destacan Festina lente (Premio da Crí-tica 2008), Setteccento (2010), Fontán (Premio Repsol 2015) e O xardineiro dos ingleses (Premio García Barros 2017), entre outras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email