“De óxido e diamantes”, a nova novela de Miriam Couceiro Castro

Categoría: Nova

Miriam Couceiro Castro, que xa publicou na colección Feminismos de Editorial Galaxia A Galiza feminista, estréase na novela con De óxido e diamantes, pertencente á colección Literaria Ronsel.

Esta historia marcada por unha relación sentimental tóxica, amosa como as pantasmas e as tormentas nos espertan igual que unha chamada de madrugada.

Se preguntades a calquera muller que algunha vez amase a outra sobre que son as tormentas e que representan as pantasmas, é probable que vos digan que as dúas chegan sempre de noite e co único obxectivo de facer ruído e romper a paz. 

Maia tardou en comprender que as tormentas e as pantasmas chegan de noite porque queren ese ruído para que todas as miremos, porque pensan que brillan, mais entre o fulgor dos diamantes sempre asoma o óxido. 

Maia e Brianda van ser as vosas compañeiras nesta noite de tormenta e camiñarán con vós ata o amencer. Pulsade o botón de inicio e poñede “Diamonds and Rust”. 

Unha lectura imprescindible que se presentará o vindeiro luns 11 de novembro, ás 19 h, na librería Berbiriana da Coruña a primeira presentación. Acompañando a autora,  estarán Lúa Mosquetera, poeta; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

(Ordes, 1985). Escritora, socióloga e doutora pola Universidade da Coruña, comezou a súa traxectoria literaria como autora de ensaio, influída polas historias de vida, os métodos de investigación social cualitativos e o feminismo. Na actualidade céntrase en proxectos vinculados co relato e a novela, con forte influencia do feminismo radical, da mística do cotián e do xeito en que as mulleres articulan a vida. Coruñesa de adopción, busca escenarios literarios en lugares como os taxis, as paradas de bus, os trens, os avións e os tanatorios. 

Este é o seu debut na ficción tras o ensaio A Galiza feminista. Tebras e alboradas (Galaxia, 2021).

Comparte nas túas redes sociais ou por email