Xoves 7 de novembro de 2024, de 16:30 a 19:30 h.
Salón de actos do Edificio Castelao. Museo de Pontevedra
ORGANIZA: Editorial Galaxia / Museo de Pontevedra COORDINACIÓN: Agar Ledo Arias e María López Sández LIÑAS: Pensamento contemporáneo.
A cultura e a arte foron sempre, en todos os contextos, ferramentas de interpretación e de intervención, de construción da identidade e conservación da memoria; mais tamén, asemade, de exploración prospectiva do futuro. E isto é probablemente máis radicalmente certo en contextos, coma o noso, onde a marca da subalternidade fai da cultura un modo de resistencia, de loita por afirmarse e existir. Fronte ao eterno presente que caracteriza o noso tempo, a imaxinación formúlase como unha ferramenta para a construción de alternativas e novos imaxinarios para un mundo mellor.
O inmobilismo ancóranos ao tempo presente de crises climáticas e civilizatorias, de guerras, refuxiados, pandemias, acumulación e finitude de recursos. Imaxinar o futuro configúrase así como unha resistencia afirmativa que nos obriga a repensar o mundo en que vivimos para poder imaxinar outros escenarios. Non se trata só de pensar unha Galicia ou un mundo contrafactual, senón de abrir o que, en palabras de Ramón Piñeiro, poderiamos designar como “olladas no futuro”. Porque o futuro está aínda por facer.
PROGRAMA
De 16:30 a 19:30 h
16:30 h. Presentación
M.ª de los Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra
Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia
Xosé Henrique Monteagudo Romero, director de Grial. Revista Galega de Cultura
17:00 h. Relatorio 1 [Culturas]. “A vocación dos estupefacientes. Sete teses sobre a relación entre imaxinación, cultura, memoria e esperanza na Galiza actual”
Germán Labrador Méndez
Resumo: A partir da célebre frase de Castelao, en que a posibilidade dunha cultura que traballe pola emancipación individual e colectiva se enfronta a unha cultura que traballa para a neutralización e o ensimesmamento, cómpre preguntarse polos horizontes da sociedade e da cultura galegas hoxe nun contexto de crise ecosistémica, cambio xeopolítico e peche autoritario dos Estados europeos. Asumindo que non hai resistencia que non sexa afirmativa, cómpre preguntarse que resistencias están (ou non) a atopar estas transformacións aceleradas e que é o que estas resistencias afirman exactamente, de ser posible sabelo. Así, preguntarémonos tamén por como falan e por como se articulan esas posibles liñas de tensión e polos diálogos que estas manteñen cos mundos invisibles do pasado, e con outros presentes existentes no noso momento histórico, non necesariamente visibles nin evidentes nas definicións máis estendidas de cultura que hoxe temos. Concluiremos preguntándonos polo papel que podería ter un acompañamento institucional virtuoso, cómplice e non anestesiado, nesta encrucillada de emerxencias.
Nota biográfica: Germán Labrador Méndez é profesor distinguido (ATRAE) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas de Madrid, adscrito ao Instituto de Lengua, Literatura y Antropología do Centro de Ciencias Sociales y Humanas de Madrid. Foi catedrático da Universidade de Princeton ata 2024 e director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía de Madrid. Desenvolve un proxecto de investigación sobre as relacións entre cultura e democracia no Estado español. Foi comisario da exposición Esperpento. Arte popular y revolución estética (MNCARS) e prepara para 2025 a mostra Ollos de vidro. Forma e vida en común (Auditorio de Galicia).
17:30 h. Relatorio 2. [Artes]. “Futuro sen pasado? Futuros perentorios e pasados inacabados”
Manuel Olveira
Resumo: Coma na fábula do asno e a cenoria, pode que nos esforcemos en perseguila e que nunca consigamos collela, porque a cenoria está sempre nun futuro inalcanzábel que vai por diante de nós. No sistema da arte, como noutros moitos eidos, o entusiasmo e a promesa que nos levou a empeñarnos en mirar cara adiante deixaron non só algunhas áreas desatendidas, senón tamén pasados completamente inacabados. Cómpre, pois, imaxinar ou proxectar o futuro doutra maneira tendo en conta pasados que aínda nin se atenderon nin se cumpriron (a emigración, a ditadura e a transición, por exemplo, pero tamén a subalternidade, a repolitización e democratización da sociedade, a produción de relatos enraizados no contexto e o fortalecemento da estruturas da arte) e futuros perentorios (a sustentabilidade fronte ao cambio climático e ao crecemento inasumible da produción e do consumo, a crise do estado social e o auxe de novos autoritarismos, as imposicións do mercado ou as constricións para xerar e manter unha esfera independente que propicie prácticas artísticas reparadoras e emancipadoras). Estes pasados inacabados e futuros perentorios están a reclamar respostas para que a arte poida ser un espazo de transformación con calado social.
Nota biográfica: Manuel Olveira foi director de Hangar (2001-2005), CGAC (2005-2009), Ágora (2010-2011) e MUSAC (2013-2021). Deu ao prelo traballos sobre arte e artistas e publicou o proxecto editorial Complot (Ayuntamiento de Terrassa e Hangar, 2004), os libros de entrevistas Entre-vista (CGAC, 2008), Conferencia performativa (This Side Up, 2014) e Cómo vivir con la memoria (Puente Editores, 2018) e, en colaboración con José Iges, El giro notacional (CENDEAC, 2019). Brumaria editou en 2022 o seu ensaio Habla del cuerpo social. No ámbito da literatura publicou a novela Todo el tiempo del mundo (Libros de Rocamadour, 2014) e os poemarios Muero todos los días 2013-2021 (Eolas Ediciones, 2021) e Muero todos los días 2020 (Libros de la Resistencia, 2024).
18:00 h. Pausa
18:30h. Relatorio 3 [Identidades]. “Existe a comunidade?”
Conversa entre Carme Adán e Lourdes Méndez
Resumo: A problemática das identidades, dende o social ao subxectivo, será unha das cuestións centrais desta conversa entre dúas pensadoras contemporáneas que entenden que construír comunidades esixe manter (ou reconstruír) relacións/obrigas sociais (dar, recibir, devolver). Para pensar o futuro hai que preguntarse desde onde e con quen o pensamos, sen esquecer a transmisión interxeracional dos coñecementos teóricos e dos saberes prácticos.
Nota biográfica:
Carme Adán (Donostia, 1966) é doutora en Filosofía e ensaísta. Presidiu a Aula Castelao de Filosofía (1997-2005). Entre 2005-2009 foi secretaria xeral da Igualdade no Goberno galego e entre 2007 e 2009 presidenta da Unidade Muller e Ciencia de Galicia, así como deputada no Parlamento galego na VIII e IX Lexislatura. Coordinou a sección de “Pensamento” do Consello da Cultura Galega (2018-2022) e a sección de “Feminismos”, da Revista Grial. Na actualidade dirixe o CDIF, Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, do Consello da Cultura Galega e exerce como catedrática de Filosofía no IES Politécnico de Vigo. Entre as súas publicacións destacan Feminismo e coñecemento (Espiral Maior, 2003); Cartografías do derrubo (2011), recompilación de dous anos de actividade periodística na sección de opinión de Xornal de Galicia, e Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en termos de submisión (Editorial Galaxia, 2018), entre outras, ademais de múltiples colaboracións en libros colectivos, xornais e revistas
Lourdes Méndez (Donostia, 1957) é catedrática xubilada de Antropoloxía Social da Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea. Filla, neta e bisneta de galegos, estudou Antropoloxía na Universidade de París VIII. En 1988 publicou, froito da súa tese de doutoramento, “Cousas de Mulleres”. Campesinas, poder y vida cotidiana. (Lugo, 1940-1980). Barcelona, Anthropos. Tras o seu doutoramento incorporouse como docente á Facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea. A súas liñas de traballo dirixíronse á análise antropolóxica das artes visuais, que deron froito en publicacións como Antropología de la producción artística (Síntesis, Madrid, 1995); Os labirintos do corpo. Manipulacións ideolóxicas, saberes científicos e obras de arte (A Nosa Terra, 1998); Cuerpos sexuados y ficciones identitarias. Ideologías sexuales, deconstrucciones feministas y artes visuales, (IAM, Sevilla, 2004); Antropología feminista (2007); Antropología del campo artístico. Del arte primitivo […] al contemporáneo (2009); Siete claves para una introducción a la antropología (2019), entre outras, ademais de capítulos en libros e artigos en medios variados.
19:00 h. Intervencións do público e debate final
Modera: Agar Ledo Arias