Publicada na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia, Púrpura tero supón o debut literario de David Cortizo Conde.
Nesta obra, ateigada de fantasía e aventura, acompañamos á súa protagonista Ausela. Esta rapaza pérdese na gran chaira deserta que cobre case totalmente Púrpura Tero, e busca acubillo nunha cova. Alí agarda a que a súa cuadrilla a atope, mentres non deixa de pensar no obxecto que viu caer desde o espazo.
No seu planeta abrolla unha planta con propiedade especiais moi cobizada por toda a galaxia. Se desen con ela, podería significar a fin da vida dos chairegos tal e como a coñecen.
Ausela e a súa cuadrilla terán que facer fronte a unha ameaza insospeitada para salvar a vida e a súa cultura.
Animádesvos a acompañala? Unha lectura imprescindible que xa está dispoñible en todas as librarías de Galicia!
David Cortizo Conde naceu en Guxilde, na parroquia de Alba (Pontevedra), en 1978. Desde moi novo, grazas ás autoras e autores da xeración Lamote, foi un ávido lector de literatura infantil e xuvenil, e continúa a selo. Tras un periplo profesional que o levou a traballar nunha fábrica de repostería industrial, nun restaurante de comida rápida, repartindo e montando mobles, e mesmo no sector do metal, chegou como comercial ao mundo do libro, onde foi editor e unha das persoas fundadoras da editorial Cuarto de Inverno. Continúa ligado ao sector editorial e, desde 2023, preside a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix).
Púrpura Tero é a súa primeira obra publicada.