Tamara Andrés , directora de Dombate

Categoría: Nova

A partir de 2025, ano do 75 aniversario de Editorial Galaxia, a colección estará ao seu coidado.

O nomeamento dará  un novo pulo á  colección de poesía que inaugurou Xohana Torres en 1980 con Estacións ao mar. Unha colección de referencia na poesía galega dende hai máis de 40 anos e onde publicaron Alba Cid, Chus Pato, Cunqueiro e Yolanda Castaño, entre moitos outros e outras poetas.

Tamara Andrés é poeta, tradutora literaria e investigadora. Formouse en Tradución e Interpretación, Lingua e Literatura españolas e Literatura Comparada. Integra o grupo de investigación Biblioteca da Tradución Galega (BITRAGA) e formou parte do proxecto Legados Literarios do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Encargouse da sección de literatura do Diario Cultural Zeta da Radio Galega e traballou como guionista, produtora e locutora audiovisual.

Como poeta, deu ao prelo os poemarios Corpo de Antiochia (Editorial Galaxia, 2017), Bosque vermello (2019), Irmá paxaro (2019, con ilustracións de María Montes) e Para non concretarme (2024). Xunto a Marcos Viso, creou o proxecto artístico Cartas ás 12, que deu como froito o álbum poético Distancias (Editorial Galaxia, 2020).

Entre as súas traducións ao galego cómpre salientar a novela Bruxas a morta, do belga Georges Rodenbach (2014) e, máis recentemente, unha antoloxía poética de Vicent Andrés Estellés (Premio 2024 de Tradución da Universidade de Vigo), e, xunto a Oriana Méndez, As iluminacións, de Arthur Rimbaud (XXII Premio de Tradución Plácido Castro).

Comparte nas túas redes sociais ou por email