Cita coa memoria emigrante

Categoría: Nova

Catro historias. Catro relatos humanos. Catro rexistros diferentes. Pero representativos, cheos de humanidade e de precisión documental, cun excelente talento narrativo que os aproxima á novela (e que lle permite contar cousas que non sempre acerta a contar o historiador), mais sen renunciar á esixencia do dato, o escrupuloso respecto ás fontes. Así describiu Pilar Cagiao a nova entrega de Manuel Losa (Santiago de Compostela, 1940), que se presentou na librería Couceiro da capital galega.

Xente da emigración, amigos, algún político… Manuel Losa falou con emoción das persoas retratadas: Isidoro M. García, "que aínda non sabe que está no libro, enteirarase cando cheguemos alá", Martínez Filgueira O Cañotas, "que encheu de figuras de Rosalía de Castro e de Valle Inclán as sociedades galegas en Uruguai, labradas en madeira, e que cruzou clandestinamente a fronteira dende o Brasil, sen papeis, como tantos outros", X. Lage Sierra, máis coñecido como Pepe Montoya, "profesor de flamenco, que leva Galicia no corazón", e Antón Crestar Faraldo, "o home de Xesús Canaval, colaborador do Consello de Galiza, cofundador do Patronato da Cultura Galega, cofundador da emisión radial Sempre en Galiza…".

"Un exemplo de xornalismo humanizado", segundo Víctor F. Freixanes, o editor. "A colección Memoria intenta recuperar o relato do que somos, documentos e testemuñas da nosa historia contemporánea, porque se non temos consciencia de nós dificilmente podemos saber que queremos ser no futuro".
Existe outra Galicia fóra de Galicia, tal que nos explica o autor no limiar do libro. Un anaco importante dela está nestas páxinas cheas de vida. Manuel Losa regresa a Montevideo e anuncia para final de ano novas entregas: a recuperación da biografía de Xesús Canabal, unha das figuras sobranceiras da emigración galega en Uruguai, mecenas da causa galeguista, xunto con Manuel Puente en Buenos Aires. Será o seu próximo título para esta mesma colección.

Comparte nas túas redes sociais ou por email