Esta fin de semana, distintos actos recoñecerán as traxectorias e o respecto que os galegos e galegas sentimos polos nosos autores. Por unha banda, Agustín Fernández Paz recibirá a "Letra E" da Asociación de Escritores en Lingua Galega na súa Vilalba natal, mentres que, en Moaña, serán recoñecidos Manuel María e Bernardino Graña.

Por decisión unánime do Consello Directivo da AELG, distinguiuse como Socio de Honra da Aelg a Agustín Fernández Paz, o que conleva a entrega da "Letra E", unha figura escultórica elaborada por Silverio Rivas. Deste xeito, o sábado desenvolverase un completo programa de actos que comezará ás 12.00 coa inauguración do Parque Agustín Fernández Paz (Barrio das Fontiñas), a plantación dunha bidueira (árbore simbólica do escritor) e o descubrimento do Monólito Escultórico que atribúe o nome do homenaxeado ao parque.
No acto intervirán Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG, Mercedes Queixas Zas, Secretaria xeral da Aelg e Agustín Fernández Paz.13.00 Centro Cultural e Recreativo de Vilalba (Praza da Constitución, s/n)
No acto de entrega da "Letra E" intervirán Gerardo Criado, Alcalde de Vilalba, Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG e o editor Manuel Bragado Rodríguez, quen realizará a laudatio. Acto seguido, entregaráselle a Agustín Fernández Paz a peza peza escultórica do artista Silverio Rivas que o recoñece coa "Letra E" da AELG.
A xornada rematará ás 14.30 hora nun xantar de confraternidade no Parador de Turismo de Vilalba.

E tamén o sábado, pero nas terras de Moaña, os escritores Manuel María e Bernardino Graña serán os protagonistas dunha serie de actos de homenaxe.
As 19:30h inaugurarase a Rúa Bernardino Graña. Despois, interpretarase a Marcha do Antigo Reino de Galiza. No acto intervirán o Alcalde de Moaña e representantes da Asociación de Escritores en Lingua Galega. O acto rematará coa descuberta da placa a cargo do propio Bernardino Graña.
Media hora máis tarde, ás 20.00h inaugurarase o Paseo do Poeta Manuel María coa descuberta da placa co nome de Manuel María por parte da súa viúva, Saleta. Acto seguido, procederase á celebración dun recital de poemas coa intervención de Heitor Mera, Marta Dacosta, Anxo Angueira, Lucía Novas, Xosé Daniel Costas e Celso Parada.
A xornada festiva rematará coa interpretación do Himno Galego para, ás 20:30 h, dar comezo un acto Musical no salón de actos do I.E.S. As Barxas a cargo da Banda e Coral Solfa (Santiago de Compostela) e do cantautor Tino Baz.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR