Chega ás librarías Canta, miña rula, canta, o novo libro de Antonio García Teijeiro ilustrado por Xan López Domínguez
Dous grandes talentos únense baixo o título Canta, miña rula, canta, publicado na colección “Libros para compartir”: a fantasía desbordante dos debuxos de Xan López e as delicadas palabras, que case parecen música, de Antonio García lévannos á hora máxica do solpor, cando todo o que imaxinamos podería acontecer…
Canta, canta,
Miña rula,
Dálle son ao teu peteiro
Porque o canto das ruliñas
Din que é o verdadeiro
Nestes poemas atoparémonos con nanas, cancións á natureza e cunha chea de personaxes que nos visitan antes de durmir: unha galiña que pon ovos de cores que dan laranxas ou cereixas, leóns que tocan saxofóns, a chuvia bicando a terra e un barco salvado polo vento. Ou co Sol e a Lúa, ¿a que non sabíades que falan entre eles?
…Son moi bos amigos
Se vós non o credes,
Abride os olliños
E lede os poemas
Que deixan nas rúas
Con moito agarimo
O sol
E
A Lúa
Todos eles están no canto da rula. Saíde a explorar as maravillas do mundo con ela ata a hora escura e calma en que cala.
Antonio García-Teijeiro é profesor, escritor e crítico de literatura infantil en galego. Galardoado co Premio Merlín por Na fogueira dos versos, é membro da Lista de Honra do IBBY e Premio nacional de literatura infantil e xuvenil en 2017. En Galaxia ten publicadas moitas outras obras como Bicos e non balas, A poesía necesaria ou Palabras envoltas en cancións.
Xan López Domínguez é un dos ilustradores galegos de literatura infantil con maior proxección internacional, con máis de trescentas obras ás súas costas, e un dos que mellor transmite o universo infantil. Tamén forma parte da Lista de Honra do IBBY e gañou premios como o Rañolas de Ilustración ou ao mellor ilustrador da Feria do Libro infantil de Bolonia (Italia). En Editorial Galaxia poderedes atopar títulos como Voces na lagoa do espantallo, do que tamén é autor, considerado entre os cen mellores libros do século XX pola Fundación Germán Sánchez Rupérez.