Editorial Galaxia lanza a súa colección de teatro

Categoría: Nova

O seu primeiro título, Papiroflexia de Fernando Castro Paredes, inaugura a que se converterá nunha importante canteira e espazo destacado para os dramaturgos contemporáneos galegos.

A nova colección “Teatro”, que chega estes días ás librarías, recolle o espírito da Editorial Galaxia nos seus inicios: ser fogar dos grandes dramaturgos do momento. No pasado foino de autores como Castelao, Daniel Cortezón ou Euloxio Ruibal, e agora é Fernando Castro Paredes o que dá comezo a esta colección. Formado nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral e curtido no teatro escolar e afeccionado, é tamén codirector da agrupación Tuéjele Teatro e Farándula Velutina.

Baixo esta última compañía estreouse a obra Papiroflexia, primeiro título publicado en “Teatro”. Nela, a través de tres historias cruzadas e tres figuriñas de papel pregado que cambiarán a vida dos protagonistas, descubrimos o importante máis alá das aparencias: os medos, os soños e o amor.   

Papiroflexia continúa a obra dramática de Castro Paredes – que xa publicara A derradeira bala (Premio Roberto Vidal Bolaño 2018) na Editorial Galaxia -, dentro desta colección que dará protagonismo específico ao xénero. Próximamente, Cándido Pazó sumarase á serie con Os fillos do sol.

“Teatro” é a última colección que Galaxia vén de estrear este ano, despois de “Memoria Histórica” e “Hoxeéhoxe”, coas que a editorial pretende encher espazos esenciais e enriquecer o panorama cultural e literario de Galicia: a primeira en termos de xustiza histórica tras a época da ditadura franquista e a segunda ofrecendo un lugar destacado para o ensaio de actualidade. “Teatro” quere ser un referente dentro do xénero dramático contemporáneo galego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email