Sara Vila Alonso gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2021

Categoría: Nova

A gañadora da quinta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, foi Sara Vila Alonso pola novela Oito días sen Eva Cortes.
O xurado, composto por Diego Giráldez, Beatriz García Turnes, Lara Dopazo, Xosé Ricardo Losada, Selina Otero e Malores Villanueva destacou a súa prosa sólida e o magnífico control do ritmo narrativo dende o inicio. A autora é quen de construír personaxes poliédricos nunha novela que combina tres voces narrativas. Destacan as pasaxes dun caderno que manexa unha narrativa máis lírica e o paso a unha escrita máis xornalística e apegada á realidade.
A autora mostra tamén un gran dominio da lingua e achégase a temas como o sensacionalismo xornalístico, a xenofobia ou a estratificación das redaccións dun xornal.
No día da súa reincorporación tras as vacacións, no medio dunha vaga de calor, á xornalista Antía Ubeira encárganlle cubrir a desaparición dunha moza da súa cidade, Pontevella. O que nun principio semella unha ausencia voluntaria froito dunha fin de semana de festa, comeza a prolongarse e a preocupar ao entorno da rapaza, Eva Cortes.
Antía Ubeira, malia a desidia e o escepticismo cara á utilidade da súa profesión, implícase cada vez máis no caso. Os descubrimentos arredor da vida de Eva farán reflexionar á xornalista sobre a súa propia felicidade, as súas expectativas, os seus desexos e obsesións.
A novela repasa asuntos que atravesan a todas as mulleres, como o desexo (ou non) de ser nai, o poder sobre o propio corpo, a independencia económica, o pracer ou a liberdade. Pero tamén sobre o medo que produce a certeza de saber que calquera de nós podería ser a muller desaparecida que protagoniza horas de tertulias televisivas e páxinas de xornais.
Oito días sen Eva Cortes impúxose por unanimidade ás demais obras presentadas pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o cuestionamento.
Esta é a primeira novela para a xornalista, que en 2016 gañou o primeiro premio do Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, do Concello de Redondela, e en 2019 acadou o segundo premio Comunicar en Igualdade, que convoca a Xunta de Galicia, por un artigo de opinión publicado no Diario de Pontevedra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email