César Antonio Molina na Feira do Libro da Coruña

Categoría: Nova

Na presentación do seu libro César Antonio Molina estará acompañado por Víctor F. Freixanes, Luís García Soto, Antón Patiño e Manuel Vilariño.

Editorial Galaxia publica na colección Dombate de poesía o segundo poemario escrito en galego por César Antonio Molina. Todos os ríos do mundo reflíctense en Eume, o fluír da vida arrequenta a literatura, a experiencia viaxeira do autor tradúcese nas lembranzas e na pegada dos lugares, na xeografía simbólica da emoción. Recupera a lingua galega para a expresión poética, recreando o espazo marabilloso das vellas fragas, a memoria sentimental de moitos amigos e a visión aberta e universalista da cultura que sempre o caracterizaron.

O novo libro de César Antonio Molina artéllase desde a fraga de Caaveiro, ao pé do Eume, e percorre o mundo do Ganxes ao Éufrates, do Moldava ao Brahmaputra e ao Hudson, mantendo ese centro que é o río galego para o autor, quen afirma "O Eume é un río que conserva o esencial do noso país, un caudal que nos remonta ás orixes da creación. Eu quería, a través deste río, dialogar coa natureza e recuperar unha linguaxe". A poesía como patria da palabra, sinuosa, cambiante, extensa e contida ao mesmo tempo, coma un río. Eume é unha obra de expresión depurada que nace dunha tradición na que se sitúan, entre outros, Manuel
Antonio, Cunqueiro e Luís Pimentel.

Comparte nas túas redes sociais ou por email