A Feira do Libro da Coruña confirmouse, un ano máis, como a principal feira do libro de Galicia. A Coruña é a cidade onde máis libro galego se vende, e a mostra dos Cantóns coruñeses está considerada como o gran escaparate do libro galego nestes meses de verán.
Unha das grandes novidades, que despertou moitísima expectación, foi sen dúbida a última entrega poética de César Antonio Molina, recentemente nomeado Ministro de Cultura de España. Molina presentou na feira coruñesa o seu poemario en galego, Eume, saudado polos presentadores e polos primeiros críticos como un texto especialmente interesante no actual panorama da poesía galega. Arredor de trescentas persoas asistiron á presentación, que se celebrou na carpa da feira e na que participaron, ademais do autor e do editor, Antón Patiño, Manuel Vilariño e Luis García Soto. A poeta Estíbaliz Espinosa leu algúns textos de César Antonio Molina.
Outras novidades celebradas foron o libro de Alfredo Conde, María das Batallas, recreación histórica da figura de María Pita e do cerco da Coruña polas tropas de Francis Drake, que se presentou na sede social de Caixanova, na Avenida da Mariña; e O voto emigrante, do xornalista Anxo Lugilde, que despertou un enorme interese e propiciou unha vez máis un interesante debate sobre os dereitos políticos da Galicia exterior. Dentro da oferta do ensaio político foi un dos libros máis solicitados.
Inma López Silva reafírmase como narradora en New York, New York, viaxe moi persoal pola cidade dos rañaceos. Diario literario, cheo de humor, desinhibición e alegría. A literatura galega ábrese ao mundo. Axiña será traducido ao castelán e, probablemente, ao catalán.
No ámbito da literatura para os máis pequenos, salientou na feira a última entrega de Yolanda Castaño, tan creativa e imaxinativa coma sempre. Punver, o punki-vermiño, con ilustracións de Eduardo Hermida, complementa a oferta desta poeta, que asinou tamén numerosos exemplares de O libro da egoísta, recentemente traducido ao castelán en Visor.
Outros libros especialmente demandados foron o libro de relatos de Miguel Anxo Murado, O soño da febre, e a novela de Miguel Sande, Se algún día esta muller morta, primeiro premio de narrativa breve Repsol YPF. Ademais dos clásicos, coma sempre: Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Rafael Dieste e Eduardo Blanco Amor, de quen recentemente, e en coedición co Pen Clube de Galicia, Editoral Galaxia vén de publicar Ars Amandi, inéditos amorosos do autor de Auria.