A película vaise estrear no Festival de Cine de San Sebastián, que se celebrará do 20 ao 29 de setembro, e que ha contar coa presenza do escritor como presidente do xurado. Por primeira vez publícase en galego o guión dunha película que se presenta de xeito simultáneo nas pantallas.
A nova obra de Auster ten a súa orixe na literatura, xa que o personaxe de Martin Frost aparece na súa novela The Book of Illusions (2002). O actor David Thewlis, coñecido pola súa participación nas películas Kingdom of heaven, Harry Potter, The big Lebowski e Naked, encarna ao protagonista, mentres que Irene Jacob, que anteriormente traballou en La Double Vie de Véronique e Trois couleurs: Rouge, interpreta o papel de Claire. O elenco de actores complétase coa presenza de Michael Imperioli, un dos actores da serie The Sopranos, e Sophie Auster, a filla do escritor, que xa debutara como actriz en Lulu on the Bridge.
O guión conta a historia dun escritor norteamericano, chamado Martin Frost, que acaba de rematar a súa última novela e, para descansar, decide marchar de Nova York a unha casa de campo. No alborexar do primeiro día, descobre abraiado que unha misteriosa muller está deitada ao seu carón. Fascinado pola súa beleza e intelixencia, Martin namórase dela. Quen é esa estraña muller que o sabe todo da súa vida e da súa obra? É unha auténtica musa? É unha creación imaxinaria? Quen é esa muller que se introduciu na vida interior de Martin Frost? Paul Auster volve contar unha historia sorprendente na que proceso creador, amor e imaxinación constitúen a cerna dun guión cinematográfico que se le coma unha novela, o da película A vida interior de Martin Frost, da que o escritor e tamén director fala nunha entrevista incluída no libro.