Celebramos o Día Mundial da Infancia

Categoría: Nova

Galaxia conmemora o 20 de novembro cunha selección de lecturas que convidan a descubrir novos mundos, alimentar a imaxinación e espertar a curiosidade entre os lectores e lectoras máis novos.

Cada 20 de novembro celébrase o Día Mundial da Infancia, unha data que pon en valor a aprobación da Declaración dos Dereitos do Neno, en 1959, e da Convención sobre os Dereitos do Neno, en 1989. Unha xornada para reivindicar os dereitos da infancia e lembrar a importancia de garantir o seu benestar, desenvolvemento e acceso á cultura.

Con motivo desta celebración, poñemos o foco nalgunhas das últimas novidades de literatura infantil e xuvenil, con propostas que achegan a lectura aos máis novos desde diferentes perspectivas: a fantasía, a divulgación científica e as historias que nos axudan a comprender o mundo que nos rodea.

O contador de areas, de Xosé Lueiro e Sara Valcárcel

O entrañable Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, regresa cunha nova aventura. Desta volta, unha pregunta esperta a súa curiosidade: cantos granciños de area caben no deserto?

Para atopar a resposta, emprenderá unha fantástica viaxe collido á empuñadura dun paraugas, disposto a resolver o misterio.

Escrito por Xosé Lueiro e ilustrado por Sara Valcárcel, O contador de areas é a continuación de O ladrón de paraugas; unha proposta que convida a deixar voar a imaxinación e a descubrir o mundo a través das preguntas e da curiosidade.

Paio e o Gatipedro, de Milagros Torrado Cespón e Laura Pérez Delgado

Obra gañadora do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2026, Paio e o Gatipedro achéganos unha historia chea de fantasía.

Paio esperta coa cama mollada e toda a familia parece ter claro quen é o responsable. Pero el sabe perfectamente o que aconteceu: foi o Gatipedro, unha criatura extraordinaria con corpo de gato, lingua longa e un corno de auga!

Un álbum ilustrado que recupera o poder da imaxinación infantil e pon o foco no valor do folclore galego para as novas xeracións.

Hoxe, venres 20 de novembro, celebrarase, ás 20 h, Casa Veciñal de Cespón, a presentación do libro, en colaboración coa Asociación Cultural Barbantia e a Comunidade de Montes Deira-Pedroso.

O acto contará coa participación da autora e ilustradora; Carmen Silva, concelleira de Educación e Normalización Lingüística; e María Xesús Blanco, presidenta da A. C. Barbantia.

A xornada incluirá unha representación teatral a cargo do Grupo de Teatro BarbanTEA.

Ao remate haberá petiscos e agasallos.

Cerebro en modo ON, de Sonia Villapol

Como funciona o noso cerebro? De onde veñen as emocións? Como aprendemos, lembramos ou soñamos?

A neurocientífica Sonia Villapol, acompañada polas ilustracións de Diego Estebo, propón unha viaxe divulgativa ao interior dun dos órganos máis fascinantes do corpo humano.

Cerebro en modo ON explica, cunha linguaxe accesible e rigor científico, cuestións relacionadas coa aprendizaxe, a memoria, as emocións e a saúde mental. Un libro que achega a neurociencia á infancia e á adolescencia e que axuda a comprender a importancia das experiencias, dos afectos e dos hábitos saudables no desenvolvemento do cerebro.

O mar que me levou, de Silvia Fernández Recouso

Sel, un rapaz de 16 anos, debe pasar o verán na vila do seu avó Tito, un mariñeiro retirado ao que apenas coñece. Alí reencontrarase con Noa, unha amiga da infancia coa que descubrirá un estraño costume do seu avó: cada mañá baixa ao peirao e lanza unha botella ao mar.

O que comeza como unha simple curiosidade acabará por levalos a investigar un pasado marcado polos silencios e polas palabras que quedaron sen dicir.

Comparte nas túas redes sociais ou por email