Celebramos o Día do Libro 2021

Categoría: Nova

Dende Galaxia queremos desexarvos un feliz Día do Libro! Cremos na forza da lectura para imaxinar outros universos, coñecer novas realidades, mirar o mundo dende diferentes puntos de vista, enriquecernos día a día… E tamén na da escritura como vía para expresarnos, medrar, inventar ou reflexionar.
Por iso, pensamos que o mellor libro para celebrar este 23 de abril con todas e todos vós é Tes cinco minutos #1, que presentaremos esta tarde na sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo, ás 19 h.
“Tedes cinco minutos!” é unha frase escoitada moitas veces nas sesións da Escola de Letras, que organizan a Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra: non é tarefa fácil pero si moi divertida! Froito do traballo do alumnado do primeiro curso no 2020, un ano estraño no que as palabras abríronse camiño incluso a través das pantallas cando foi preciso, Tes cinco minutos #1 é a mellor mostra do éxito da proposta. Atoparemos 37 pequenas xoias, poemas ou narracións que van do misterio á tenrura ou ao amor, construíndo unha constelación de voces novas das que moito esperamos ler a partir de agora.
O acto de presentación, que terá lugar na Sala Rosalía da Deputación de Pontevedra (Rúa Eduardo Chao, 17), contará coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, e Francisco Castro, director xeral da Escola de Letras e da Editorial Galaxia. Xunto ao alumnado, estarán algúns dos profesores que levan a cabo os obradoiros da Escola: Inma López SilvaAntonio García Teijeiro ou Diego Giráldez.
Ademais, a gala estará amenizada polas actuacións de Fernando Barroso e Margarida Mariño, á mandolina e ao chelo: a súa versatilidade, que combina os ritmos do jazz, da música persa, barroca e da música popular, non podería casar mellor coa obra presentada.
O aforo é limitado, polo que todos aqueles que non poidades acudir poderedes desfrutar da retransmisión en streaming a través da web da Deputación de Pontevedra e por Periscope en Twitter.
O proxecto da Escola de Letras é único en Galicia, unha aposta por gozar da palabra da man de escritores e escritoras de primeira fila. Nesta segunda edición, estes referentes volven impartir varios obradoiros de 8 sesións sobre escritura, novela, relato ou poesía, tanto en Vigo como en Pontevedra, acompañando a todo aquel que queira aprender e crear. Non é necesario ser escritor nin ter coñecementos previos, só ser amante da palabra. Aínda que, como comprobaredes en Tes cinco minutos #1, moitas alumnas camiñan xa nesa dirección.
Que mellor forma de festexar o Día do Libro que coñecendo as verbas destes novos talentos, que estaban desexando saír ao mundo. E, quen sabe, en vindeiras edicións quizais sexas ti quen teña cinco minutos para facernos soñar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email