Os mellores libros para nenas e nenos… ou para volver selo!

Categoría: Nova

Cando pensamos no valor dos libros, case sempre veñen á cabeza os primeiros contos ao pé da cama, as historias que nos fixeron soñar. Nesta semana do Día do Libro, en Galaxia non podíamos esquecer as recomendacións para os máis pequenos, que tamén os maiores lerán con nostalxia ou con renovadas ganas de viaxar pola imaxinación.
A boneca de cristal, o primeiro relato de Majo Villar, captura o vínculo único de amor entre unha filla e o seu pai. A través do seu agasallo, a protagonista vai atesourando os primeiros desexos, eses que nos marcan de por vida. Antonio Seijas é o encargado de crear as ilustracións para este mundo de tenrura, onde luces e cores reflicten nos vermellos zapatos desta boneca tan especial.
Outra historia de amor incondicional pai-filla atopámola en Contra o reloxo, de Carlos Labraña, Fonso Barreiro é o encargado de retratar a reloxaría de Don Pedro, que se converte nun escenario onde todo é posible: dende viaxar atrás no tempo ata tentar o roubo máis torpe e tolo de todos. Cando a agulla do reloxo chegue aos últimos minutos do día, nada será coma antes…
Os mellores contos son aqueles nos que o tempo desaparece do ben que o pasamos! Os personaxes de Andar aos biosbardos. Contos baixo o freixo engurrado, de Charo Pita (ilustrado por Dani Padrón), ben o saben: unha lebre que deixa de ser covarde, unha abella un pouco rosmona, o Vento Norberto pelexón e un Cangrexo teimudo… todos saen a explorar e aprender xuntos cada día. O mundo sen amizade e descobertas sería un mundo sen contos, logo, e moito máis gris.
Que llo digan ao protagonista de A fuga de Guillermo, de Helena Villar Janeiro! Aínda que, ás veces, incluso nos libros, as mellores historias acontecen no mundo “real”. Luz Beloso dá forma e cor a Guillermo, que se transforma nun neno de carne e óso cando escapa dun libro e atopa a unha compañeira e amiga única.
Porque hai que ser o autor do noso propio conto… pero mellor se é cun pouquiño de axuda!

Comparte nas túas redes sociais ou por email