En Galaxia queremos darlle a importancia que merece ao papel da muller nas letras e na sociedade. Unindo pasado e presente, hoxe recomendámosvos tres libros imprescindibles.
Este 2021 cúmprese o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán, unha muller que puxo no centro do seu discurso a reivindicación da igualdade entre sexos.
“Son unha radical feminista. Creo que todos os dereitos que ten o home debe telos a muller”
Non só condenou o que ela chamou “mullericidio”, senón tamén a dominación simbólica e social que discrimina o xénero. Así foi que baixo o título de Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán, Marilar Aleixandre e María Lopez Sández fan un percorrido polo seu transgresor ideario e obra: rexeitaba a necesidade de ter que casar ou ter fillos, reclamaba a educación e, incluso, o desexo feminino. Algo que seguía ao pé da letra na súa vida privada: “O frenesí que para ti teño”, escribía a un coñecido escritor contemporáneo… Porque as mulleres teñen dereito a seguir “o seu propio destino” e, como poucas na época, ela estivo disposta a defendelo “até a última gota de tinta”.
Outra destas grandes mulleres foi Concepción Arenal, cuxa labor como visitadora de prisións artella nunha historia inesquecible, de novo, Marilar Aleixandre en As malas mulleres, Premio Blanco Amor 2020. A finais do XIX no cárcere da Galera de A Coruña, xunto a Juana de Vega, dedicouse a mellorar a vida das reclusas a través da Sociedade da Magdalena, ensinándolles un oficio e a ler e escribir. A escapar dun destino forzoso. Como o de Sisca, vítima do abuso e presa con só 15 anos, e de tantas “malas mulleres” que formaban un mudo coro nesta obra.
Cantas mulleres viven dentro de nós? Cantas historias máis ou menos cotiás que xa non temos que calar? Xa non somos vítimas nin escravas. Libres e vivas quere compartilas e reivindicalas: dez escritoras – como Berta Dávila, María Canosa ou Paula Carballeira – tráennos dez relatos sobre o machismo que aínda hoxe enfrontamos as mulleres e que nos representan a todas.
Charo Pita resume o espírito do libro no seu conto “Onde grallan os corvos”:
Leo a túa carta e non podo evitar darche as grazas por non dobregarte, por non renderte a esa débeda imposta que contraemos algún seres humanos, sobre todo as mulleres, polo feito de nacermos e estarmos vivas. Por negarte a pagala, a deixarte moldear á custa de ti mesma.