Este 2021 as Letras Galegas dedícanse a Xela Arias, muller polifacética que gardaba unha forza única dentro. Montse Pena Presas amosa en Intempestiva un percorrido pola súa intensa vida: poeta, editora, profesora… Xela era unha moderna absoluta.
Intempestiva,
serse intempestiva.
E domea-la furia á procura
da froita
madura
Xa de noviña aborrecía as bonecas, escoitaba a Víctor Jara e Voces Ceibes ou lía en galego a Manuel María e Xohana Torres, á vez que escribía os primeiros relatos. Esta biografía vital e profesional, tamén o é musical: algunhas partes lense pero tamén soan, van reflectindo a súa rebeldía, a súa voz activista e anceios de independencia – a súa regra vital -, pasando por the Rolling Stones, Patti Smith ou Fleetwood Mac. As cancións reúnense nunha lista de Spotify e as fotografías da época terminan de pincelar o retrato que pinta a palabra de Pena Presas, a imaxe e semellanza dalgúns dos traballos da propia Xela, coma o libro Tigres coma cabalos.
Case unha biografía emocional é a que nos leva á infancia de Arias en Non te amola!. Libro inédito publicado este ano por Galaxia, é a súa única incursión na narración. Ao longo das súas páxinas coñecemos ao seu irmán Marcos, con quen compite en coñecer a maior cantidade de historias, ao seu avó Pedro, quen lle deu un día un bo susto montando en bicicleta, ou as aventuras e mentiras fabulosas do outro avó Manuel, que nutren a súa imaxinación. As impresións de nena, ilustradas por Luz Beloso, tamén recollen as dúbidas sobre facerse maior e, con elas, as primeiras ideas de revolución e igualdade da muller: xa nunca deixará de escribir todo o que pensa! Porque, como nos di Xela:
“É que non quero que nos tomen o pelo. Non te amola!”