Nesta semana na que celebraremos o venres 23 de abril o Día do Libro, queremos facer unha escolma das mellores lecturas que podedes atopar en Editorial Galaxia. Comezamos con tres libros do profesor e escritor Antón Cortizas, cos que poderedes mergullarvos na maxia das palabras.
Cal é, cal é,
Quen non adiviñe
Ben burro é
Adiviña esta adiviña contén pezas de escolla entre a tradición oral, de creación propia ou de alumnos de primaria procedentes de Mugardos, Carnota e Ferrol. Esta obra é perfecta para gozar co pracer das palabras e descubrir os enigmas propostos ou… crear os teus! No libro hai un espazo para que o lector poida engadir as súas propias adiviñas e así contribuír ao xogo. E se non conseguides chegar á solución de todas, tranquilos: tédelas ao final, ademais das pistas que os debuxos de Pepa Prieto Puy van deixando, para que non quededes coas ganas.
Aínda que:
Se a costa encosta che costa
Encosta as costas na costa
…e probade cos fabulosos enredos de palabras contidos en Non trabes na lingua. Tamén recollidos da fala ou creados por Cortizas e por nenos do CEIP Unión Mugardesa, estes 109 trabalinguas – aos que igualmente podes engadir os que ti sexas quen de inventar – móvennos a coidar o idioma e trábannos non só a lingua, senón tamén no corazón.
Magnífica
Artística
Ximnástica
Ilóxica
Auténtica….
Todo isto e máis é a MAXIA que desprega Abrapalabra!, un dos libros máis orixinais que temos en Galaxia. Nel, ao mago das palabras que é Cortizas únense a variña de Carlos Coira e o pincel de Jacobo Fernández Serrano. Xuntos, a través de abraiantes poemas e trucos de maxia, levaranvos a practicar para chegar a ser auténticos “supermagos”. A que agardades, aprendices?